Friday 22 de November de 2024

Cambre reduce o trámite de solicitude de licenza para terrazas


Debido á problemática de pago durante estes días pasados referente á solicitude de licenzas para terrazas de hostalería o goberno local pon en marcha unha experiencia piloto para reducir os trámites na administración. Polo momento, comezouse por facilitar a solicitude de licenzas de terrazas para os hostaleiros. É o primeiro paso, pero desde o executivo local aseguran que xa están a traballar para que se poidan facer os pagos por Internet e estender este tipo de abonos aos diferentes departamentos.

Antes, os propietarios destes establecementos debían pasar por varios departamentos antes de levar consigo a autorización pertinente. Chegaban a rexistro de Urbanismo a solicitar a súa licenza, pasaban por Intervención para que lles comunicasen a liquidación, de aí ao banco para pagar a taxa correspondente, e de novo de volta ao Concello a presentar o xustificante de pago. Tratábase dunha perda de tempo para os hostaleiros que viñan pedir este tipo de licenzas polo que desde hoxe o sistema é diferente.

Agora dirixiranse só a unha única persoa en rexistro de Urbanismo e de aí sairán co seu permiso, que só deberán levar ao banco que será o que sele o permiso tras o pago da taxa. Desta maneira xa non terán que volver ao Concello.

Segundo o alcalde de Cambre, a xestión municipal debe ser máis eficaz, accesible, e acurtando tempos de resposta, para o cal, asegura o primeiro edil, “deben adoptar fórmulas que faciliten os trámites para os comerciantes, hostaleiros e veciños de Cambre”.