• O pleno tamén deu luz verde a unha bonificación ás familias monoparentais no prezo público de actividades municipais
O Concello de Abegondo aprobou en pleno un suplemento de crédito para empregar parte do remanente de tesourería en investimentos. Serán en concreto 599.432,35 euros que se dedicarán a obras na rede viaria demandadas polos veciños.
“Queremos que a boa saúde económica do Concello se traduza en actuación prioritarias porque é ou xusto”, sinalou o alcalde, José Antonio Santiso. O rexedor explicou que a regra de gasto que marca o Estado é a que condiciona o montante do remanente a utilizar e por iso fixouse esta contía.
A maior partida, de 400.000 euros, irá destinada a melloras nos camiños municipais que non están incluídos nos plans de obras. O alcalde apuntou que os técnicos municipais realizaron unha revisión das vías que xunto ás peticións trasladadas polos residentes permitirá executar arranxos en todas as parroquias.
Os accesos e aparcamento do novo centro de saúde, que se abrirá en xuño, lévanse outros 96.797,58 euros. As actuacións consisten na creación dun novo vial e unha semirrotonda para incrementar a seguridade viaria na entrada á dependencia desde a AC-542. Ademais, lévase a cabo a humanización da zona verde, o aparcamento e o apantallamiento de lindes.
Finalmente, 30.000 euros destinaranse a finalizar as beirarrúas no lugar da Igrexa, en Mabegondo, e 11.714,57 euros para a modificación dunha instalación de iluminación nese punto. E o suplemento complétase coa extensión da rede de distribución de auga nas Quintás.
O suplemento foi aprobado por unanimidade.
Tamén foi unánime a luz verde á proposta do goberno local dunha bonificación dun 15% a familias monoparentais nos prezos públicos de actividades municipais. Santiso sostivo que se trata dun “apoio lóxico” á realidade destas familias. Poderase aplicar para o próximo curso.
O pleno tamén aprobou a ordenanza reguladora do imposto polo incremento de valor de terreos urbanos, dirixido a operacións de transmisión como vendas. Neste caso, o goberno local votou a favor e o BNG abstívose. O PSOE non asistiu á sesión.
Tamén se aprobou por unanimidade a moción do Bloque para elaborar unha ordenanza reguladora da cesión e uso de locais sociais.
Finalmente, o alcalde deu conta ao pleno da liquidación do orzamento do pasado exercicio. O Concello de Abegondo pechouno cun resultado de superávit de 2.474.989,81 euros e un remanente de tesourería de 3.497.500,57 euros.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.