• A actuación inclúe a substitución da capa de rodadura e unha mellora estrutural na gabia central mediante unha reposición por capas
O Concello de Miño impulsa a reposición e rehabilitación do firme das rúas Barrosa, Carreira e Raxel, tres vías que conforman un eixo continuo e que actualmente presenta unha importante deterioración.
A actuación, que conta cun orzamento de 241.497 euros, busca dar solución ao mal estado actual do pavimento. Para iso contémplase a renovación completa da capa de rodadura mediante o fresado do firme existente e a posterior reposición cunha nova capa de mestura bituminosa en quente.
Na zona máis deteriorada e con maior perda de capacidade estrutural executarase a reconstrución completa do firme mediante tres capas de aglomerado. Así mesmo, estas zonas incorporarán unha geomalla cun sistema anti fisuras para mellorar a estabilidade do pavimento e aumentar a súa durabilidade.
No resto da zona de gabias e o carril adxacente ao aparcamento realizarase tamén unha mellora estrutural mediante dúas capas de aglomerado e unha geomalla. Finalmente, no resto do vial procederase á reposición da capa de rodadura para homoxeneizar o estado do firme.
As obras incluirán tamén a renovación da sinalización horizontal, que será executada con pintura reflectora e microesferas de vidro, reforzando a seguridade viaria.
“Trátase dunha actuación moi demandada que mellorará de maneira notoria a funcionalidade e seguridade tanto viaria como peonil destas rúas”, asegurou o alcalde, Manuel Vázquez Faraldo.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.