• O Concello solicitará unha subvención da Deputación da Coruña para executar este proxecto de 233.658 euros.
O goberno local de Carral propoñerá ao pleno a solicitude dunha subvención á Deputación da Coruña para acometer a humanización integral da rúa Souto, unha actuación estratéxica coa que o Concello busca transformar por completo unha das principais arterias do núcleo urbano. O alcalde, José Luis Fernández Mouriño, apunta que se trata dun proxecto “esencial” para o municipio, xa que esta vía conecta coa N-550 e a DP-1704 e constitúe, ademais, un dos principais accesos ao IES de Carral.
Con esta intervención buscarase humanizar a rúa e continuar impulsando actuacións no núcleo urbano coas que darlle unha maior prioridade ao peón fronte ao vehículo.
Na actualidade, a rúa Souto conta con dous carrís de circulación (un por sentido), zonas de aparcamento en ambas as marxes e beirarrúas con dimensións que non cumpren cos criterios de accesibilidade. Con esta actuación, o Concello reorganizará a rúa mediante a creación dun único carril de circulación entre a estrada provincial e a nacional, novas prazas de estacionamento en batería e beirarrúas renovadas en ambos os lados da vía.
Ademais, na intersección co acceso ao instituto habilitarase unha plataforma compartida de tráfico peonil e rodado para reforzar a seguridade viaria e favorecer unha mellor convivencia entre vehículos e peóns nun punto especialmente transitado.
O proxecto incluirá tamén a creación de novas zonas verdes, a plantación de arboredo e a renovación da sinalización, reforzando así a integración paisaxística e a sustentabilidade da contorna urbana.
A execución deste proxecto requirirá un investimento de 233.658,19 euros. Para financiar a actuación, o alcalde propoñerá no pleno desta tarde (xoves, 28 de maio, ás 20.00 horas) pedir unha subvención á Deputación da Coruña.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.