A alcaldesa explicou as novidades do proceso, resolveu dúbidas e destacou o papel clave do tecido asociativo na participación cidadá
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, mantivo este mércores un encontro coas entidades veciñais da cidade para presentar a nova edición dos Orzamentos Participativos 2026-2027, explicar as principais novidades da convocatoria e resolver as dúbidas trasladadas polas asociacións asistentes.
Na xuntanza, celebrada con representantes do tecido asociativo coruñés, Rey estivo acompañada polo concelleiro de Economía e Planificación Estratéxica, José Manuel Lage, e pola concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa.
Durante o encontro, o Goberno municipal detallou o funcionamento do proceso participativo, que contará cun investimento de 2,6 millóns de euros destinados a actuacións decididas directamente pola cidadanía. Ademais, explicáronse os criterios de admisibilidade das propostas, os prazos de participación e os mecanismos habilitados para facilitar tanto a presentación de iniciativas como a votación.
A alcaldesa puxo en valor o papel das asociacións veciñais como “aliadas estratéxicas” para achegar o proceso á cidadanía e garantir unha participación ampla e inclusiva nos barrios. “Non se entende un proceso de participación cidadá sen contar co tecido asociativo que mellor coñece as necesidades da veciñanza”, sinalou.
O prazo de presentación de propostas permanecerá aberto ata o vindeiro 19 de xuño a través da plataforma municipal e tamén de forma presencial nos rexistros habilitados polo Concello. Dende a apertura do proceso recibíronse un total de 117 propostas.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.