• As obras estarán cofinanciadas por ambas as administracións e levaranse a cabo cun orzamento de 800.000 euros.
O acceso ao porto de Corme será obxecto dunha profunda transformación grazas a un convenio de colaboración entre o Concello e Portos de Galicia, que permitirá mobilizar un investimento de preto de 800.000 euros. Tal e como explicou o alcalde, José Manuel Mato, trátase dun proxecto “fundamental para Corme”, co que se mellorarán tanto as condicións de seguridade como os servizos da vía comprendida entre a contorna da igrexa e o peirao. O obxectivo, subliñou o rexedor, é “avanzar na integración entre o porto e a vila”.
A actuación estará cofinanciada por ambas administracións. O Concello achegará 61.033,35 euros, mentres que Portos de Galicia asumirá o importe restante.
Entre as actuacións inclúese a renovación do pavimento e das redes de abastecemento, saneamento, pluviais e iluminación pública. Ademais, as intervencións completaranse coa instalación de novas varandas, xardineiras, mobiliario urbano e sinalización, co propósito de mellorar a funcionalidade e a imaxe deste espazo estratéxico da vila mariñeira.
Outros asuntos
A sesión plenaria celebrada onte serviu tamén para aprobar un suplemento de crédito por importe de 110.458,31 euros. Como explicou o rexedor durante a súa intervención, 65.107,5 euros do total destinaranse á adquisición dunha parcela situada no parque das Bouzas, no centro de Ponteceso, coa finalidade de habilitala como aparcadoiro público e ampliar así os servizos á cidadanía.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.