Thursday 28 de May de 2026

Carballo leva a primavera ao Barrio das Flores na 12ª edición do festival internacional de arte urbana Rexenera Fest


• O festival celébrase do 28 de maio ao 7 de xuño, e sumará novas obras de gran formato ao proxecto de dinamización “Derrubando Muros con Pintura”

• A edición deste ano destaca por unha forte presenza internacional (Grecia e Croacia) e por un fito: a participación de Isa Bermúdez, a primeira artista local de Carballo en formar parte do festival

• O programa complétase con visitas guiadas, xogos de pistas familiares e obradoiros especializados de tintas vexetais e esgrafiado

O Concello de Carballo volve encherse de cor, diálogo e vangarda coa chegada da 12ª edición do Rexenera Fest, que arranca oficialmente hoxe e estenderase ata o domingo 7 de xuño. Durante estes días, as rúas da vila converteranse nun museo a ceo aberto. O festival de arte pública impulsado pola Concellaría de Promoción Económica e Turismo continuará co seu labor como axente rehabilitador contra o feísmo urbanístico e consolidando a Carballo como un referente do turismo cultural diferenciado.
Nesta edición, o fondo artístico do recoñecido proxecto Derrubando Muros con Pintura nutrirase de novas obras de gran formato grazas ao talento de cinco muralistas de prestixio galego, estatal e internacional, que coinciden en Carballo para levar a primavera ao Barrio das Flores.
O calendario de creación
A acción nos andamios comeza de xeito inmediato. Hoxe inician os seus traballos a madrileña Raquel Coba (Rúa Rosas, 5), o grego Taxis (Avd. das Flores, 100) e a carballesa Isa Bermúdez (Rúa Xazmíns, 21), que marca un fito ao ser a primeira artista local que participa formalmente no festival. Xa pola tarde, sumarase a balear Ona Salvador (Rúa Calas, 30).
Pola súa banda, o recoñecido artista croata Lonac incorporarase o vindeiro luns pola mañá para intervir no lateral do edificio de Avd. das Flores, 100, nun traballo de gran envergadura que previsiblemente se estenderá un par de días máis alá do peche oficial do festival.
Moito máis que pintura
O Rexenera Fest 2026 non só se poderá contemplar, senón tamén vivir e aprender a través dun completo programa de actividades paralelas:
• Xoga en familia polos murais (do 28 de maio ao 7 de xuño): Un divertido xogo de pistas para todos os públicos deseñado para descubrir os segredos da arte urbana de Carballo. Recoméndase inscrición previa.
• Obradoiro de laboratorio de tintas vexetais (sábado 30 de maio): Impartido polo colectivo galego Materia Botánica nas Escolas do Xardín Agra de Caldas. Unha proposta formativa de mañá e tarde dirixida a maiores de idade con perfil artístico.
• Clase maxistral de esgrafiado (6 e 7 de xuño): A cargo de Carrot Carola (Galicia) na Rúa Gravador Facal, 19. Un obradoiro intensivo de fin de semana para perfís artísticos.
• Visitas guiadas: O luns 8 de xuño (de 20:00 a 21:30 h) terá lugar a gran visita guiada aberta ao público xeral, con saída desde o Museo de Bergantiños (Rúa Martín Herrera, nº 8). Ademais, durante todo o festival realizaranse visitas matinais concertadas para grupos escolares.
Inscricións e contacto: Todas as actividades requiren solicitude ou inscrición previa, que se pode realizar a través do correo electrónico turismo@carballo.gal ou chamando ao teléfono 981 702 077.
Coa posta en marcha desta XII edición, o Rexenera Fest non só embelece e achega valor engadido á paisaxe urbanística de Carballo, senón que dinamiza o tránsito peonil, expande os espazos de lecer e proxecta de xeito moi positivo a imaxe da vila cara ao exterior, atraendo un turismo cultural de calidade.

Deja un comentario