Thursday 28 de May de 2026

Bergondo abre mañá o prazo de solicitude para beneficiarse da liña de subvencións para entidades


· O Concello destina 26.000 euros a esta cuestión.

· O prazo permanecerá aberto ata o 26 de xuño.

· A axuda máxima non poderá superar os 3.000 euros e deberá financiar entre o 20 e o 80% do total do custo da actividade.

O Concello de Bergondo deu luz verde ás bases da convocatoria pública de subvencións municipais dirixidas a entidades sen ánimo de lucro para o presente exercicio económico. O obxectivo desta iniciativa é apoiar a realización de proxectos que complementen as competencias municipais ou que contribúan activamente ao fomento dos intereses xerais dos veciños de Bergondo. As axudas sufragaranse con cargo ao orzamento municipal vixente cunha achega global que ascende aos 26.000 euros. O pazo de solicitude destas axudas abre mañá, 29 de maio, e pechará o 26 de xuño.

Estas subvencións cubrirán os gastos derivados de actividades que se leven a cabo dentro do ámbito municipal entre o 1 de xaneiro e o 30 de novembro de 2026. Os proxectos subvencionables abarcan accións orientadas á dinamización da mocidade, a promoción da cultura e historia local, o fomento das artes plásticas, musicais ou escénicas, e o impulso do deporte e a saúde. Así mesmo, valoraranse de forma especial aquelas iniciativas dirixidas a facilitar a conciliación da vida familiar e laboral da poboación.

Para optar á condición de beneficiarias, as entidades solicitantes deben carecer de ánimo de lucro e estar debidamente inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións Veciñais no momento no que se conceda a axuda. As bases establecen que o importe máximo que poderá percibir a entidade coa puntuación máis alta será de 3.000 euros, reducíndose de xeito proporcional para o resto dos solicitantes conforme os criterios técnicos de valoración económica e social. A contía solicitada deberá situarse de xeito xeral entre o 20% e o 80% do orzamento total dos gastos da actividade exposta.

Tanto a presentación das solicitudes como a posterior fase de xustificación documental das actividades deberán realizarse de forma obrigatoria a través da sede electrónica. As organizacións interesadas dispoñen de cinco modelos normalizados que xa se atopan accesibles a través da sede electrónica e a páxina web municipal. O prazo máximo improrrogable para achegar todos os xustificantes e facturas finais dos proxectos executados concluirá o próximo 30 de novembro de 2026, data a partir da cal a Intervención Xeral do Concello procederá á correspondente fiscalización antes de autorizar o pago das axudas.

Deja un comentario