Terá 48 horas de duración e desenvolverase dende o 10 ata o 30 de maio. As inscricións estanse a tramitar nos baixos da Alameda
A Mancomunidade de Ordes vén de abrir a inscrición para un novo curso de adquisición do idioma de acollida. O colectivo destinatario son persoas maiores de idade que precisen formarse en alfabetización básica. As clases desenvolveranse en horario de mañá durante os martes e xoves, dende o 10 ata o 30 de maio, na aula de formación situada nos baixos da Alameda de Ordes. Para inscribirse basta con pasar polas dependencias da Mancomunidade, nos baixos da Alameda.
A dita iniciativa, cunha duración total de 48 horas, está englobada no marco de Estratexia de Inclusión de Galicia (2014-2020), levado a cabo pola Consellería de Traballo e Benestar. Entre outras medidas inclúense intervencións orientadas a responder de xeito efectivo e coordinado ás situacións persoais e familiares de vulnerabilidade, pobreza e exclusión social, e procurar os apoios precisos para que as súas persoas destinatarias acaden a súa inclusión social e laboral.