Thursday 28 de May de 2026

A Xunta e o concello de Vilasantar colaborarán na mellora do servizo de abastecemento no lugar de Días


Ángeles Vázquez indica que o persoal de Augas de Galicia analizará a proposta do Goberno local para determinar a súa viabilidade e establecer as posibles vías de colaboración tanto técnica como financeira entre ambas administracións

A Xunta de Galicia colaborará co Concello de Vilasantar na execución dunha actuación para mellorar a rede de distribución de auga no lugar de Días, na parroquia de Vilariño. Así llo trasladou hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, ao rexedor municipal, Fernando Pérez, con quen mantivo unha reunión para abordar este e outros asuntos de interese local no ámbito das competencias asignadas ao seu departamento.
En concreto, o alcalde expuxo ante a responsable autonómica que ten un proxecto redactado para a instalación de canalización para o subministro de auga potable ao lugar de Días. Tamén sinalou que de cara á súa execución existe total disposición dos terreos afectados.
Pola súa banda, Ángeles Vázquez emprazou ao rexedor a remitir o proxecto a Augas de Galicia para sometelo a supervisión técnica por parte do seu persoal co fin de determinar a viabilidade do mesmo así como as posibles vías de colaboración tanto técnica como financeira entre ambas administracións.
De feito, a conselleira puxo en valor o apoio técnico e económico que a Xunta vén prestando aos concellos desde hai anos para que poidan exercer as súas competencias en materia de abastecemento e de saneamento dun xeito máis eficiente.
Este apoio ás administracións locais reflíctese tamén nos orzamentos deste ano, cun orzamento global de Augas de Galicia de 151,7 millóns de euros (un 5,5% máis que en 2025) dos que 7 de cada 10 euros se destinarán a abastecemento e saneamento —108,7 millóns de euros— e case a metade —73,6 millóns de euros—, especificamente a investimentos para mellorar ou construír infraestruturas hidráulicas.
Noutra orde de asuntos, o alcalde de Vilasantar tamén aproveitou a reunión para trasladarlle á conselleira o seu interese en que estude outro proxecto municipal para levar a cabo, neste caso, a restauración dun muíño.

Deja un comentario