As obras de rehabilitación do inmoble están practicamente rematadas e agora o consistorio acomete un pequeno proxecto paisaxístico cun investimento de algo máis de 33.700 euros provenientes do Fondo Ambiental
O antigo grupo escolar converterase en espazo para o desenvolvemento de actividades de estimulación terapéutica dirixidas a persoas con deterioramento cognitivo inicial
As obras no antigo grupo escolar de Igrexafeita para convertelo nun novo espazo con usos sociocomunitarios están practicamente rematadas. Esta mesma semana colocáronselle os sinais de seguridade xunto cos extintores e o edifico só agarda que lle instale a maquinaria do sistema de calefacción e que a empresa adxudicataria faga a limpeza xeral de fin de obra. E, mentres, no exterior tamén vai xa moi avanzado o pequeno proxecto de adecentamento da parcela para dotala de prazas de aparcamento, dun firme que aguante ben os invernos e tamén dunha pequena zona de lecer axardinada. A obra, que suporá un investimento de algo máis de 33.700 euros, busca mellorar o aspecto xeral do conxunto e, sobre todo, a súa accesibilidade.
As actuacións céntranse na recuperación dunha parcela duns 1.600 metros cadrados que levaba anos en estado de semiabandono -igual que a escola- e que, ademais, se viu afectada polas obras recentes realizadas no edificio. Os traballos, iniciados a empezos desta semana, abranguen desde a estrada xeral até o extremo norte da leira, é dicir, a entrada principal, a parte dianteira do edificio e o campón situado ao lado do vello grupo escolar.
En primeiro lugar acometeuse a limpeza da maleza e a retirada da capa vexetal da superficie, xunto co nivelado e afirmado das cotas que despois irán cubertas na súa maior parte con saburra compactada, agás na zona de aparcamento, que leva celosías prefabricadas de cemento. O espazo dedicado a estacionamento terá uns 85 metros e capacidade para seis vehículos. Ademais, xusto ao pé da pasarela de acceso ao edificio tamén se habilitará unha praza reservada para persoas con mobilidade reducida.
A parte frontal da escola e o aparcamento artéllanse con sendeiros peonís que tamén conectarán cunha pequena área de lecer onde se instalarán mesas, bancos e papeleiras de madeira que aseguren unha perfecta integración estética coa paisaxe e co edificio principal. De feito, os camiños interiores executaranse cunha mestura de area e estabilizante natural para minimizar o impacto visual e ambiental da intervención.
O proxecto completarase nas próximas semanas coa plantación de especies autóctonas como carballos e castiñeiros, que substituirán algúns exemplares deteriorados que será necesario retirar. Tamén se incorporarán especies tapizantes, céspede e vexetación ornamental para estabilizar os noiros, mellorar a drenaxe natural do terreo e reforzar a biodiversidade da contorna. O obxectivo final é “converter este espazo nun lugar máis agradable para as persoas usuarias do edificio e tamén para a veciñanza da parroquia”, explica Secundino García Casal.
As obras, nas que se investirán algo máis de 33.700 euros do Fondo Ambiental, tamén veñen solucionar os problemas de accesibilidade á parcela, “onde no inverno sería difícil entrar e manobrar cun coche, para canto máis cun vehículo de transporte adaptado como o que poden precisar algunhas das persoas que acudan ao centro”, comenta o rexedor aludindo á finalidade social que terá a antiga escola de Igrexafeita.
Cabe recordar que o Concello promoveu este proxecto cercano aos 300.000 euros -cofinanciados na sú maior parte pola Deputación da Coruña- coa intención de que o inmoble se converta nun espazo para a abordaxe do Alzhéimer e outras demencias. Una idea na que tamén se implicou Afal Ferrolterra, quen se encargaría do desenvolvemento das actividades de estimulación terapéutica, cognitiva, lúdica e funcional dirixidas a persoas cun deterioramento inicial, leve ou moderado.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.