Friday 22 de November de 2024

Os veciños xa poden aportar online ás súas propostas para a elaboración do Plan Estratéxico de Turismo de Riveira 2016-2020


O Concello de Riveira está inmerso na elaboración do Plan Estratéxico para o Desenvolvemento do Turismo 2016-2020: un plan que persegue erixirse nunha folla de ruta a seguir á hora de planificar estratéxica e priorizadamente as actuacións a desenvolver no eido turístico, de modo que o noso destino acade un crecemento sostible económica, social e ambientalmente.

Para desenvolver este plan resulta fundamental a participación activa tanto dos axentes implicados directa ou indirectamente no desenvolvemento turístico de Riveira como da cidadanía en xeral.

Neste último aspecto, vense de publicar na páxina web municipal (www.riveira.gal) un apartado a través do cal calquera veciño ou veciña pode realizar as súas achegas e propostas encamiñadas á mellora de Riveira como destino turístico. Basta cubrir o formulario situado no seguinte enlace: http://www.riveira.es/participe-no-plan-estratexico-para-o-desenvolvemento-do-turismo/

Axentes turísticos
De igual xeito, o Concello e a empresa adxudicataria do proxecto, Valora Consultores, van establecer contacto nos próximos días cos distintos axentes e organizacións implicados no desenvolvemento turístico para solicitar a súa colaboración.

Cómpre lembrar que o Plan Estratéxico para o Desenvolvemento Turístico de Riveira está estruturado en cinco fases: análise da situación de partida, diagnose DAFO, definición de obxectivos e liñas estratéxicas, deseño do Plan de Acción 2016-2020 e control e seguimento. A súa elaboración ten unha duración de catro meses.