Thursday 28 de May de 2026

A contorna do albergue de peregrinos acollerá o sábado 13 de xuño a Carreira escolar de Neda


Xa hai data para a novena edición da Carreira escolar Concello de Neda. Será o sábado 13 de xuño cando o Paseo de Xuvia acolla a proposta deportiva, ideada para potenciar a  práctica de atletismo, e fomentar a convivencia entre o alumnado local. A inscrición tanto para os centros educativos nedenses como para estudantes doutros municipios está xa aberta.

A proba disputarase a partir das 10 horas na contorna do albergue de peregrinos. E a idade dos nenos e nenas determinará tanto a adscrición a unha das cinco categorías existentes e tamén a distancia que deberán percorrer.

Así, os máis cativos competirá na categoría peques (nacidos no 2021 ou posteriores) correrán 50 metros aproximadamente; os sub-8 (nados no 2019 ou no 2020), 350 metros; os sub-10  (2017 e 2018) un total de 700 m; finalmente, os sub-12 (de 2015- 2016) e os sub-14 (de 2013-2014) correrán 1.050 metros.

Os colexios nedenses deberán facer a inscrición como equipo, tendo que enviar a relación de integrantes antes da medianoite do 8 de xuño, ao correo electrónico escolasneda@gmail.com. A través dese mesmo email e dentro do mesmo prazo poderá inscribirse a rapazada doutros colexios que queira sumarse á proba deportiva. Neste caso, terán que indicar nome e apelidos, DNI, idade, e nome centro ao que pertencen.

A totalidade dos participantes desta IX Carreira Escolar do Concello de Neda recibirán, independentemente da posición na que finalicen, medalla. Ademais, haberá trofeo para os tres primeiros clasificados masculinos e femininos de cada categoría.

Deja un comentario