Os orixinais poderán presentarse ou enviarse por correo até as 23.59 horas do 31 de maio de 2026
Recta final da convocatoria dos Premios Curuxa 2026 que organiza o Museo do Humor Xaquín Marín do Concello de Fene. As persoas interesadas poden enviar ou presentar os seus debuxos no Rexistro Xeral municipal até o 31 de maio ás 23.59 horas. O concurso vai dirixido a artistas residentes na Península Ibérica (España e Portugal) que poderán participar nas seguintes categorías: Curuxa, para maiores de 25 anos; Curuxa Nova, para persoas con idades comprendidas entre os 16 e os 25 anos; e Caricatura, na que poderán participar debuxantes a partir dos 16 anos. As persoas menores de 25 anos poderán participar na categoría xeral, Curuxa, extremo que implica a renuncia á categoría Curuxa Nova. Si se poderán enviar obras, por parte dunha misma persoa, ás categorías Curuxa (ou Curuxa Nova) e Caricatura.
Os/as participantes poderán presentar un só debuxo por categoría de temática libre, en formato: viñeta, tira cómica ou caricatura (no caso de debuxos presentados a esta categoría). As obras deberán ser de creación propia e inédita e presentaranse en formato papel, mesmo no caso de traballos realizados dixitalmente (impresión de alta calidade). Non se admitirán fotocopias nin gravados e a dimensión máxima do debuxo será de 29,7×42 cms (A3). Ademais, excluiranse do certame os debuxos realizados total ou parcialmente con intelixencia artificial, estipulándose que “as obras deberán ser de creación manual ou dixital directa por parte do/da artista”.
Segundo informa o Museo do Humor Xaquín Marín, unha vez realizado o debuxo, presentarase ou enviarase acompañado dun sobre pechado (plica) no que se introducirá toda a documentación requirida nas bases. Deste xeito, ningún dato persoal do/a autor/a poderá figurar á vista.
En canto aos premios, a Concellería de Cultura avanza que se mantén a contía total dos mesmos con respecto a edicións anteriores, é dicir, cinco mil euros, que se repartirán do seguinte xeito:
. Categoría CURUXA (maiores de 25 anos)
1º Premio, dotado con 2000 euros e diploma
2º Premio, dotado con 1000 euros e diploma
. Categoría CURUXA-NOVA (de 16 a 25 anos)
1º Premio, dotado con 500 euros e diploma
. Categoría CARICATURA (maiores de 16 anos)
1º Premio, dotado con 1500 euros e diploma
Os importes dos premios estarán suxeitos aos impostos e retencións legais que lle sexan de aplicación.
A presentación de traballos a concurso implica a autorización expresa ao Museo do Humor Xaquín Marín a empregar estas imaxes a efectos expositivos, no propio Museo e/ou noutras instalacións do termo municipal así como na páxina web municipal. A exposición do XXX Concurso de Humor Gráfico “Curuxa do Humor 2026” realizarase durante o último trimestre deste ano.
Os traballos premiados quedarán en propiedade do Concello de Fene, pasando a formar parte da súa colección. Para os traballos non premiados, o Museo do Humor Xaquín Marín comprométese á súa devolución sempre que así se solicite expresamente. A devolución de orixinais hase efectuar a partir do mes de xaneiro de 2027.
Bases completas da convocatoria EN DOCUMENTO ADXUNTO ou na web municipal do Concello de Fene: https://fene.gal/museo-do-humor/premios-curuxa/gl
Para consultar calquera cuestión sobre o concurso ou resolver dúbidas, pódese chamar ao 981 342 400 (de luns a vernes en horario de mañá) ou enviar un correo electrónico a museodohumor@fene.gal




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.