Thursday 28 de May de 2026

O Concello de Ribeira enxalza a traxectoria fotográfica e audiovisual dos irmáns Manuel, Flora e Lesmes Iglesias Vázquez


 Durante o presente ano acadaron importantes recoñecementos

O Concello de Ribeira homenaxeou nesta tarde aos irmáns Lesmes, Flora e Manuel Iglesias Vázquez, coñecidos como ‘Lesmes’, nun acto desenvolvido na sala polivalente do novo Auditorio municipal, onde estiveron arroupados por numerosa veciñanza.

A alcaldesa, María Sampedro, destacou que, 71 anos despois da apertura do pequeno negocio familiar de fotografía, “dende Fondevila
aprendestes a mirar o mundo. Aí naceu esa sensibilidade tan especial que hoxe emociona a persoas en tantos recunchos do planeta.” A isto engadiu que “falar de vós é falar dunha historia de vida. Dunha historia construída con esforzo, con sacrificios, con superación e con moitísimo amor. É falar da vosa familia, dos vosos pais, Manolo e Nina, dos vosos fillos, do álbum de voda dos meus pais ou de tantos ribeirenses que gardamos nas vosasimaxes os nosos recordos de vida.”

En 1955, o seu avó, Lesmes Iglesias Ferreiro, inaugurou unha pequena tenda na cidade, collendo o testemuño anos despois o seu fillo, Manuel Iglesias Martínez e, agora, os seus tres netos homenaxeados. Toda unha saga familiar que captura tanto os momentos cotiás como os máis significativos da vida.

No que levamos de 2026, Flora foi premio Goya fotografía na categoría de post-voda; nominada a mellor fotógrafa de voda de España FEPFI, o certame de cualificacións profesional de obras fotográficas e audiovisuais; colección de honra FEPFI 2026; distinción fotográfica de FEPFI 2026 pola colección de imaxes do seu proceso de quimioterapia; e candidatura ao subcampionato do mundo por equipos por España.

En canto a Manuel, nominado a Goya fotografía de voda; premio ao mellor fotógrafo de voda España FEPFI 2026; colección de honra FEPFI 2026; premio Cámara de Prata de Europa, é dicir, subcampión europeo en fotografía de voda 2026; e candidatura ao subcampionato do mundo por equipos por España.

No mundo audiovisual destaca Lesmes con proxectos propios e outros nos que forma parte dun equipo como, por exemplo, programas para TVG e os documentais El camino interior (emitido en TVE e en Movistar), Dana: Cómo reconstruir una vida cuando se ha perdido todo, Life’s Ice (un documental sobre o cambio climático gravado en Groenlandia) e Cáscara de Nuez (un documental sobre a convivencia de 12 persoas durante a travesía nun barco a vela cruzando o océano Atlántico dende Lanzarote a Martinica). A estrea desta última peza foi en Kinépolis, en Madrid, un mes atrás e, a partir de xuño, estará en Amazon Prime.

Ademais, dende hai dous anos atópase traballando no arquivo fotográfico e audiovisual que consta de preto dun millón e medio de elementos, case todo xa catalogado e en proceso de dixitalización, así como comezo da investigación.

Deja un comentario