A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e a reitora da Universidade de Santiago de Compostela, Rosa Crujeiras, mantiveron este martes a primeira reunión de traballo canda os seus equipos para abordar as cuestións que ambas institucións teñen en común e botar a andar os contactos técnicos e entre departamentos para os asuntos e retos conxuntos.
Por parte do Concello, ademais da alcaldesa, estiveron o coordinador, Xosé Antón Freire; a tenente de alcaldesa e concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas; a segunda tenente de alcaldesa e concelleira de Capital Cultural, Turismo, Educación e Memoria Histórica, Míriam Louzao; concelleiro de Sustentabilidade Ambiental, Dereitos dos Animais, Servizos Básicos Comunitarios, Parques e Xardíns e Vías e Obras, Xesús Domínguez; a concelleira de Deportes, Relacións Veciñais, Festas, Rural e UMAD, Pilar Lueiro; e o concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Iago Lestegás.
Por parte da universidade, alén da reitora, estiveron os vicerreitores de Estudantado, Igualdade, Diversidade e Benestar, Lorena Añón; de Economía, Infraestruturas e Sostibilidade, Pablo Durán; de Cultura, Lingua e Patrimonio, Ana Cabanas Iglesias, e de Innovación e Transferencia do Coñecemento, Marcelo Maneiro, ademais do xerente, Juan Díaz Villoslada, e do xefe de gabinete, Emilio Martínez.
Esta reunión tivo lugar despois de que a alcaldesa de Santiago recibira a principios de maio a nova reitora da Universidade de Santiago (USC) na que foi a primeira visita institucional ao Concello dende o seu nomeamento. Tras ese primeiro contacto institucional, no que reitora asinou no Libro de Honra canda membros de toda a corporación, Sanmartín Rei e Crujeiras concordaron na conveniencia de reforzar a colaboración mantida nos últimos anos e en explorar novos proxectos conxuntos en beneficio da cidadanía.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.