Wednesday 27 de May de 2026

O parque ribeirense das Abesadas incorpórase como Espazo Sen Fume na rede da Asociación Española Contra o Cancro


 O Concello, a Asociación Renacer e o dito organismo asinaron un convenio de colaboración

O Concello de Ribeira, a Asociación Española Contra o Cancro e a Asociación Renacer establecen sinerxías para avanzar na promoción de hábitos de vida saudables e a prevención do consumo de tabaco. Por iso, e como antesala ao Día Mundial Sen Tabaco, que se conmemora no 31 de maio, Ribeira intégrase na rede de Espazos Sen Fume, impulsada pola AECC, a través da adhesión do parque das Abesadas. En consecuencia, xa son 77 os Espazos Sen Fume activos na provincia da Coruña

Dende hoxe, dito espazo de ocio infantil loce a sinal que o identifica como un lugar libre de tabaco e vapeadores nun acto que contou coa participación do concelleiro de Sanidade, Vicente Mariño; a representante do Consello Provincial da Asociación Española Contra o Cancro na Coruña, Otilia Mourelo; a presidenta e secretaria da xunta local da AECC, María José Carreira e María Jesús Paz, respectivamente; e a secretaria e tesoureira da Asociación Renacer, María José Garabán e Cruz Rivadulla, nesta orde.

No transcurso do acto, o edil fixo fincapé en que se trata “máis alá dunha acción simbólica. É unha mostra do compromiso de crear zonas libres de tabaco e vapeadores en lugares frecuentados pola rapazada. Non falamos só dunha sinal. Falamos de educar e concienciar. Queremos que os espazos públicos de Ribeira sexan máis saudables e respectuosos para todos. A exposición pasiva ao fume afecta especialmente aos nenos e nenas. Por iso, actuar nos espazos públicos, é tamén unha maneira de previr.” Mariño aproveitou a ocasión para agradecer e destacar o labor desenvolvido tanto pola AECC como por Renacer.

Tamén se desenvolverán distintas actividades de información e sensibilización dirixidas á veciñanza. Neste mesmo mércores, a AECC, en colaboración co Centro de Saúde de Ribeira, instalou unha mesa informativa á entrada do propio ambulatorio, en horario de mañá, e, pola tarde, haberá outra no propio parque, de 18.00 a 20.00 horas.

A maiores, no marco desta colaboración co Centro de Saúde, profesionais da Asociación impartirán accións formativas sobre novos dispositivos relacionados co tabaco, orientadas a persoal sanitario (no 10 de xuño, ás 14.00 horas) e familias (no 17 de xuño, ás 10.00 horas) co obxectivo de abordar os novos retos asociados ao consumo destes produtos.

Deja un comentario