Esta acción enmárcase no ‘Plan Estratéxico de Turismo’ que se financia a través do Plan de Sostenibilidad Turística do Ministerio de Industria e Turismo
Esta semana arrincaron os traballos asociados ao proceso de diagnose Destino Turístico Intelixente ao que se someterá o Concello da Coruña co apoio da Sociedad Estatal para la Gestión de la Innovación y las Tecnologías Turísticas -SEGITUR- , dependente da Secretaría de Estado de Turismo. A Coruña enmarca esta acción como parte da elaboración do ‘Plan Estratéxico de Turismo’ que se financia a través do Plan de Sostenibilidad Turística do Ministerio de Industria e Turismo.
Accións relacionadas coa tecnoloxía, a innovación, a sostibilidade, a accesibilidade e a gobernanza son os puntos clave para ser recoñecido como Destino Turístico Intelixente. Así, tras o proceso de diagnose baseado en 97 requisitos e 261 indicadores, o Concello deberá ter en conta unha serie de recomendacións para mellorar ditas accións.
“Temos boas conexións, infraestruturas, unha rede hoteleira e gastronómica de primeira e un patrimonio e historia que son un sinal de identidade. Somos unha cidade de recursos, innovadora, sostible e accesible que grazas ao labor e ás melloras impulsadas pola nosa alcaldesa, Inés Rey, se adapta perfectamente ás necesidades tanto da cidadanía coma dos turistas”, sinalou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. “A Coruña é a candidata perfecta para ser un Destino Turístico Intelixente porque ofrecemos unha experiencia total a quen nos visita, e lograr este distintivo tería un retorno económico e social moi importante para nós”, subliñou.
Entre os beneficios que promove o modelo DTI para a cidade destacan unha mellora na experiencia turística, o incremento da competitividade no sector, a creación de sinerxías, a xeración dunha cultura innovadora ou un mellor posicionamento da cidade a nivel internacional.
Cidades Destino Turístico Intelixente Adherido
Para ser un Destino Turístico Intelixente é preciso obter un grao de cumprimento dos requisitos previstos na metodoloxía DTI igual ou superior ao 80%. A nivel nacional destacan Barcelona, Bilbao, Benidorm, Donostia/San Sebastián, Guara Somontano, Gijón, Lloret de Mar, Málaga, Santander, Valencia e Vitoria.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.