Wednesday 27 de May de 2026

San Sadurniño levará este xoves a pleno uns orzamentos de 3,9 millóns de euros


O Concello de San Sadurniño celebrará este xoves, a partir das 19:30 horas, o pleno ordinario correspondente ao mes de maio, unha sesión que terá como principal asunto da orde do día a aprobación inicial do Orzamento Municipal para o exercicio 2026. As contas ascenden a 3.914.639,41 euros, practicamente a mesma contía que no ano anterior. O documento, caracterizado pola “prudencia económica e equilibrio financeiro”, segundo o Goberno local, céntrase no mantemento dos servizos públicos municipais, o reforzo das políticas sociais, culturais e deportivas e nunha importante aposta pola captación de financiamento externo, principalmente da Deputación da Coruña a través das sucesivas inxeccións do POS+ e achegas nominativas. A este respecto, a memoria da alcaldía que se someterá a debate e votación tamén incide na necesidade dunha reforma do modelo de financiamento local e critica a insuficiente participación económica da Xunta de Galicia no sostemento de servizos básicos que, en moitos casos, son da súa propia competencia.

O proxecto orzamentario móvese practicamente nas mesmas cifras totais que o ano pasado -hai pouco máis de 3.500 euros de diferenza respecto de 2025-, o que, segundo avanza o alcalde, “evidencia unha liña de contención e eficacia na xestión dos recursos públicos”. O rexedor municipal destaca que a filosofía das contas continúa baseada na contención do gasto -a pesar da suba xeralizada de prezos-, na procura de cofinanciación doutras administracións e na prioridade de evitar gastos estruturais que poidan depender de achegas alleas, reservando eses posibles excedentes xerados polas axudas doutras administracións a investimentos e mellora de servizos.

No apartado de ingresos, as previsións sitúan os impostos directos en 794.000 euros, mentres que os impostos indirectos ascenden a 60.000 euros e as taxas, prezos públicos e outros ingresos superarán os 437.000 euros. O capítulo máis importante continúa sendo o das transferencias correntes doutras administracións, cunha perspectiva de percibir durante o exercicio arredor de 2.150.000 euros. O Goberno local apunta a este respecto que as ordenanzas fiscais municipais non experimentan modificacións substanciais e que a carga impositiva para a veciñanza só aumentará na medida en que o faga o IPC, “mantendo a política de equilibrio entre a sostenibilidade económica do Concello e a protección da economía das familias”, precisa Secundino García Casal.

Entre as principais partidas de gasto figuran os 1,54 millóns de euros destinados a persoal e os 1,55 millóns consignados para gastos correntes en bens e servizos. Neste apartado destaca o esforzo económico realizado polo Concello para manter “servizos públicos de xestión directa e de calidade”, especialmente no ámbito social, como son o SAF e os programas de educación familiar ou igualdade. A memoria recolle expresamente a intención do executivo de estudar a creación dunha segunda praza de traballadora ou traballador social co obxectivo de mellorar a atención ás persoas usuarias e reducir ratios de carga asistencial.

O documento tamén pon o foco no incremento continuado dos custos derivados da prestación de servizos básicos e denuncia a escasa implicación económica da Xunta de Galicia no seu financiamento. O Goberno local lembra que o Fondo de Cooperación Local “continúa conxelado desde hai unha década” e insiste en que os concellos galegos “levan anos asumindo un incremento constante dos gastos enerxéticos e de funcionamento sen unha actualización real das achegas autonómicas”. Neste sentido, a memoria reivindica novamente un novo sistema de financiamento municipal adaptado ás singularidades e necesidades reais dos concellos galegos.

As críticas á insuficiente cobertura económica da Xunta reflíctense especialmente nos servizos sociais e educativos. O Concello sinala que o Plan Concertado autonómico apenas cobre menos da metade do custo do persoal dos servizos sociais de atención primaria, tendo que asumir a administración local boa parte do gasto restante con fondos propios. Tamén se cuestiona o modelo de financiamento da gratuidade da Escola Infantil, xa que a transferencia autonómica prevista, de 36.000 euros, “queda moi lonxe dos 113.000 euros que custará o servizo este ano, de maneira que será o Concello quen teña que asumir a diferenza económica”.

O Concello volve dotar cunha importante contía o capítulo de transferencias e apoio ao tecido asociativo, reservando para os colectivos que traballan no territorio un montante total de 189.500 euros dirixidos a convenios, subvencións e colaboracións con entidades culturais, deportivas e sociais do municipio. Inclúense neste apartado as achegas nominativas para a Casa do Mel, AGFA, a Escola de Fútbol Irmandiños, Biela e Chaveta, O Castelo de Narahío ou o Club Aldebarán, ademais de partidas para bolsas de estudo -25.000 euros-, programas sociais, actividades culturais e deportivas -consignáronse 28.000 euros para as axudas de Cultura e Deportes- ou iniciativas de apoio ao sector primario e á plantación de especies froiteiras e frondosas.

A investimentos reais, o Concello prevé destinar 612.657,94 euros, dos que máis de 465.000 euros proceden de subvencións e transferencias doutras administracións. A memoria explica que nas contas non se incorporaron aínda os investimentos vinculados ao POS+ AD2/2026 por atoparse actualmente en fase de solicitude, polo que se acomodarán posteriormente mediante modificación orzamentaria, cando exista confirmación definitiva da achega provincial.

O Goberno local considera que o proxecto de contas que se someterá a debate e votación este xoves á tarde “aposta polo mantemento dos servizos públicos, á cohesión social e á atención directa á veciñanza, nun contexto marcado pola necesidade de que outras administracións asuman unha maior corresponsabilidade financeira”.

Outros temas
Alén deste asunto principal, a sesión ordinaria tamén tratará outras cuestións de carácter técnico. Así, tres dos oito puntos refírense a correccións de erros detectados en propostas que xa pasaron anteriormente polo pleno e que, unha vez subsanados, teñen que volver ao máximo órgano da representación municipal. Son os referidos ao proxecto de rehabilitación da nave de servizos, o convenio marco da recollida de envases lixeiros e tamén o acordo de distribución do POS+, debido a un descadre de 10€ no sumatorio total.

Por outra banda, a parte resolutiva tamén inclúe a aprobación do Inventario de bens e dereitos do Concello, que ascende a lgo máis de 27,7 millóns de euros.

Ao tratarse dun pleno ordinario tamén haberá quenda final de rogos e preguntas. Como é habitual, e salvo problemas técnicos, a sesión poderá seguirse ao vivo a través da canle de Youtube do Concello.

Deja un comentario