As obras incluíron o arranxo de máis de 2 km de estradas e unha superficie de máis de 10.000 metros cadrados
O Concello de Frades vén de rematar as obras de mellora dos accesos a catro aldeas do municipio: Igrexa (Moar), A Quinta (Papucín), Auga Santas-Aboi (Céltigos) e Os Loureiros (Vitre). Unha actuación na que investiu 92.420 euros e que permitiu arranxar más de 2 quilómetros de estradas, equivalentes a unha superficie de 10.285 metros cadrados.
O maior desembolso económico tivo lugar na parroquia de Moar, onde o Concello de Frades acometeu a mellora da capa de rodaxe dunha estrada de 1 km de acceso á aldea de Igrexa con triplo tratamento asfáltico, así como a mellora dun entronque de 140 metros cadrados. No caso dos accesos a Quinta, na parroquia de Papucín, ademais de mellorar a capa de rodaxe levouse a cabo a reconstrución dun muro de pedras graníticas, realizado con todas as medidas de seguridade establecidas para evitar afeccións sobre o río. En ambos accesos mellorouse tamén a seguridade viaria coa colocación dun sinal de Stop.
Finalmente, nos casos dos accesos a Augas Santas-Aboi e Os Loureiros, acometéronse actuacións de mellora da capa de rodaxe en dous viarios divididos en varios treitos. A maiores, na parroquia de Vitre tamén se executou un muro de escolleira e se colocou un sinal de Stop. Todas estas actuacións están incluídas no Plan Único de Concellos POS+2025.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.