Xunto a estas tres mocións tamén formularán dúas preguntas relativas á requerimentos da Valedora do pobo ó concello e a concesión de vaos de aparcamento fóra dos núcleos urbanos.
O Bloque Nacionalista Galego da Laracha vai propoñer o debate no Pleno de tres asuntos que consideran de máxima relevancia para a localidade. En primeiro lugar, despois de dous intensos meses de iniciativas para mostrar o rexeitamento á macroplanta de biogás que se pretende ubicar en Soandres, e que levaron á formación nacionalista a presentar inicativas no Parlamento galego e no Europeo, así como na Deputación da Coruña, agora solicitan que o Pleno da Corporación larachés inste á Xunta a aceptar as mesmas propostas que fai unha semana foron rexeitadas polos populares no propio Pleno do Parlamento: “É hora de que o goberno municipal mostre o seu rexeitamento contundente ó proxecto e que decida se quere posicionarse a favor da veciñanza ou do seu partido, xa que vimos como se poñía de perfil alí onde verdadeiramente teñen as competencias para paralizalo e lexislar sobre a implantación deste tipo de plantas”- declarou a portavoz Carolina Castiñeiras.
Outro tema polémico na Laracha nas últimas semanas foi o proxecto de instalación da base dunha antena de telefonía móbil de grandes dimensións en tereos limítrofes o CEIP Otero Pedraio. Dende o BNG solicitan que se adquiran os terreos que conforman o perímetro do colexio e que se propoña á empresa promotora uns terreos máis alonxados para a reubicación desta instalación.
Con respecto a eliminación das peaxes da AG-55, o BNG comarcal iniciou unha campaña que culmina coa demanda do apoio deste reivindicación en cada un dos Plenos municipais dos concellos afectados e deste xeito agora solicitarán o apoio do Pleno da corporación local.
Por último, formularanse dúas preguntas: unha con respecto á falta de resposta do concello a unha veciña que solicitou e aboou a taxa para contar cun vao de aparcamento no seu domicilio e outra con sobre as reiteradas faltas de contestación a requerimentos dun veciño que tivo que recorrer á Valedora do Pobo por este motivo, requirimentos que tamén foron ignorados até en tres ocasións pola administración local.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.