Esta mañá procedeuse á colocación dun novo cartel de grandes dimensións para denunciar in situ, nas estradas autonómicas, a marxinación coa que está a actuar o Goberno da Xunta en Oleiros. O novo letreiro instalouse na avenida República Uruguai na que os veciños e veciñas de Oleiros e Dorneda teñen que xogarse a vida literalmente para poder desprazarse a pé por esta estrada de titularidade autonómica.
No caso concreto desta avenida, urxe a construción de beirarrúas continuas e accesibles. O tramo con carril bici que o Concello obrigou a construír aos propietarios dos terreos da urbanización de Xaz debe ser continuado ata Oleiros, para facilitar a mobilidade ciclopeonil entre Dorneda e Oleiros. Desde a urbanización O Bosque ata a rúa Cobo, unha zona moi sinuosa, non dispón de beirarrúas.
Igual que a avenida República Uruguai, outros importantes tramos das estradas principais de Oleiros de titularidade autonómica non dispoñen de beirarrúas nin carril bici. As beirarrúas e andéns existentes foron construídos directamente polo Concello, que asumiu as obras ante a necesidade de mellorar a seguridade viaria e facilitar a mobilidade peonil e ciclista.
O Goberno da Xunta está a practicar unha política caciquil e partidista que basicamente consiste en realizar as obras públicas nos municipios nos que o Partido Popular ocupa a alcaldía. Esa forma arbitraria e indecente de gobernar non castiga aos gobernos municipais que non son afíns, senón que realmente atenta contra os dereitos da cidadanía e o interese xeral, poñendo en serio risco a seguridade e integridade física de milleiros de condutores e peóns, como sucede nas estradas autonómicas de Oleiros, que son as vías principais do concello.
Nos vindeiros días colocaranse máis carteis para seguir denunciando esta situación.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.