Debido ao deterioro das beirarrúas do Temple, afundidas por mor de malos asentamentos do terreo, e que se fan perigoso o tránsito de peóns, licitouse a obra de mellora da seguridade viaria que propón o levantado das beirarrúas existentes e a execución dunhas novas, renovando, nalgúns puntos, redes de pluviais e conexións das baixantes dos edificios á rede. Tamén se executará un tramo de rede de saneamento e instalarase a nova marquesiña. O proxecto está enmarcado na obra denominada “Renovación de beirarrúas na rúa Temple, Cambre e incluído no Plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal (POS) Adicional 2015.
Segundo o alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, estas obras mellorarán a seguridade e a canalización de pluviais na zona do Temple, unha obra demandada polos veciños. A obra abarca o tramo que vai desde o Colexio Portofaro ata o Paraugas.
Dadas as características e o volume das obras proxectadas considérase suficiente o prazo de tres meses para a súa total terminación e entrega ao uso público. O orzamento da actuación ascende a 94.109,44 (Importe IVE), e 113.872 euros co IVE incluído. As empresas interesadas en facer a obra poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro día 12 de maio.