Tuesday 26 de May de 2026

O Concello de Ribeira inscribirá no Rexistro da Propiedade a parecela de San Roque destinada á futura residencia


 Tamén se aprobou en Pleno que a praza da rúa do Pombal leve o nome de Quico Domínguez

A Corporación municipal de Ribeira celebrou na tarde do luns 25 o Pleno ordinario correspondente ao mes de maio de 2026 no que saíu adiante por unanimidade a inmatriculación no Rexistro da Propiedade da parcela de San Roque na que se construirá a futura residencia de maiores; finca que consta cunha superficie de 164.724 metros cadrados. Este procedemento implica o acto legal e administrativo de inscribir o ben por primeira vez no Rexistro da Propiedade, se ben é un terreo municipal, para, posteriormente, podelo ceder á Consellería de
Política Social coa finalidade de construír o novo modelo residencial.
“Este goberno municipal cumpre cos seu compromiso coa cidadanía de Ribeira e avanza no proxecto para a consecución da futura residencia de maiores cunha alternativa de terreo que posibilitará axilizar os trámites ao ser de equipamento e titularidade municipal,”, manifestou a alcaldesa, María Sampedro. A rexedora tamén reiterou que a actualización da normativa de zonas inundables supón que As Saíñas correrá nun futuro risco de asolagamento. “Queremos garantir condicións de seguridade para todo o mundo, máxime cando estamos falando de persoas maiores e persoas dependentes”, fixo fincapé Sampedro.

O executivo local tamén levou a corrección de deficiencias nos proxectos do POS+2026 correspondentes coa nova pista polideportiva descuberta no colexio de Olveira e da renovación do parque infantil de rúa Torreiro para remitir novamente á Deputación da Coruña; ambos puntos aprobados por 18 votos a favor (PP, PBBI, BNG e 1 non adscrito), 1 en contra (PSdeG-PSOE) e 1 abstención (1 non adscrito) .

Tamén se corrixiron por unanimidade os erros do acordo adoptado polo Pleno da Corporación de rectificación do inventario municipal con data do 31 de decembro de 2023 para que unha parcela municipal do polígono industrial de Xarás teña a mesma superficie no catastro e no inventario de 2.110 metros cadrados, para a posterior solicitude de inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

Ademais, a praza da rúa do Pombal levará, por unanimidade, o nome do veciño Quico Domínguez pola súa traxectoria de compromiso social e pola defensa da cultura galega, a petición de Andrés Fariña Cadenas, Purificación Gago Domínguez, Santos Oujo Bello e José Manuel Gago Domínguez. A alcaldesa destacou a “prolífica traxectoria” de Domínguez no eido da cultura e a política, con forte vínculo coas humanidades. Neste senso, trasladou que o Concello “non só nomeará esta praza como Quico Domínguez, senón que tamén mellorará o espazo e disporá de mobiliario urbano.” Sampedro tamén sinalou que “ademais de mellorar a calidade de vida da veciñanza é moi gratificante poñer en valor a figura dun ilustre ribeirense no intelectual e, sobre todo, no persoal.”

Por parte do BNG abordouse a proposta dunha zona de estacionamento para residentes nas parroquias de Palmeira, Corrubedo e Castiñeiras. Ante isto, o goberno municipal presentou unha emenda de substitución que versa sobre que a Policía local elabore un proxecto exhaustivo para aquelas parroquias, especialmente costeiras, nas que existan problemas puntuais de estacionamento; e que o Concello de Ribeira continúe coas xestións para dotar a aquelas máis tensionadas de áreas a utilizar como aparcamentos disuasorios. Esta foi aprobada con 12 votos a favor (PP e PBBI), 5 en contra (BNG) e 3 abstencións (1 PSdeG-PSOE e 2 non adscritos).

Tamén foi obxecto de emenda de substitución por parte do executivo local a proposición presentada polo PSdeG-PSOE, BNG e concelleiros non adscritos relativa a reconfigurar o actual trazado do carril bici de Palmeira. A dita emenda saíu adiante con 12 votos a favor (PP e PBBI), 8 en contra (BNG, PSdeG-PSOE e 2 non adscritos). A dita emenda contempla que o Concello de Ribeira se compromete a culminar as negociacións para dotar dun aparcamento disuasorio na contorna do cemiterio municipal, ademais da solicitude á Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) dunha solución de calmado de tráfico para a vía, con especial atención ás interseccións de acceso ás praias.

Finalmente, alterouse a orde do día para debater a moción de urxencia presentada pola Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Barbanza, BNG, PSdeG-PSOE e non adscritos para restaurar o monumento de lembranza ás vítimas da represión franquista e condena dos actos vandálicos acontecidos contra a mesma; un punto que contou co respaldo unánime da Corporación municipal. Neste senso, a mandataria local aclarou que a placa xa foi reposta despois de que un veciño a atopase no Malecón e fixese entrega da mesma na Policía local.

O resto da orde do día non se puido abordar ao concluír a xornada na que estaba convocada a sesión plenaria.

Deja un comentario