Saturday 16 de November de 2024

Gonzalo E. Veloso deconstrúe a paisaxe de San Sadurniño en “A imaxe da lembranza”


A estrea virtual máis recente do proxecto Chanfaina Lab tráenos unha fórmula distinta de documentalismo visual. O realizador Gonzalo E. Veloso racha coa estrutura habitual de imaxe-testemuño-imaxe co obxectivo de ofrecernos a súa particular mirada sobre a paisaxe de San Sadurniño reflectida con gusto pictórico e narrada dunha fórmula colaborativa na que sete persoas evocan os lugares polos que senten unha querencia especial. A imaxe da lembranza é, deste xeito, unha peza que mostra San Sadurniño a través da cámara máis como apéndice da súa xente que como ferramenta de traballo do autor.

No documental interveñen Carmiña dos Pantís, Toni de Lamas, Jorge Mera, Vicente de Obdulia, Icía dos Breixos, Jaime Díaz e Adrián Casas. Sabedor de que unha estrutura narrativa convencional podería dar como resultado un produto tamén convencional, Veloso optou por partir o discurso en dúas metades diferenzadas pero indisolubles: a primeira, na que os sete protagonistas describen cales son os seus lugares da lembranza e, a segunda, na que eles mesmos son retratados pola cámara.

O director consegue na primeira parte espertar o interese da audiencia por saber quen fala, quen conta os seus recordos e despois obrígaa a casar as pezas asociando os rostros aos testemuños. Trátase, pois, dun xeito de deconstrución do documental e tamén dun territorio que se volve recompoñer a base de anacos da súa paisaxe e da participación da súa xente.

Gonzalo E. Veloso resúmeo ben en Fálame de San Sadurniño: “Levo un tempo interesado no traballo coa natureza e o territorio. O xeito convencional de ver un entorno natural é converténdoo en paisaxe, o cal limita moito o coñecemento do lugar. A paisaxe tan só é unha construción da nosa mirada: non é o territorio en si. Por iso, aínda que me interesa tamén o modo de mirar, busco un xeito máis participativo de achegarme a un lugar descoñecido. Cando fun invitado á Chanfaina, pensei que sería unha moi boa oportunidade para investigar nesta liña”.

A imaxe da lembranza logra converter desta maneira unhas paisaxes aparentemente banais en espazos sociais, espazos onde hai relacións persoais ou historias vividas das persoas que os habitan. Tal e como se explica na ficha da curta en Fálame…”as vivencias individuais chegan a constituírense en paisaxe social cun sentido relevante para toda a comunidade. Carmiña, Tony, Jorge, Vicente, Icia, Jaime e Adrián convértense así nos verdadeiros protagonistas dun relato de historia, espazo e tempo”.

Gonzalo Veloso, protagonista tamén na celebración das Letras Galegas
O coruñés Gonzalo E. Veloso leva varios anos combinando a vida académica coa creación de documentais de encargo de carácter institucional e divulgativo que lle permitiron afondar na vida de persoeiros da cultura galega como Lois Pereiro, Paz Andrade e Díaz Castro entre outros. Un dos seus últimos traballos é o documental Cantando a Manuel María, centrado na figura do homenaxeado neste 17 de Maio.

Poderemos ver esta produción o sábado 21 de maio a partir das 18.00h. na Casa da Cultura con entrada de balde, dentro da programación municipal co gallo das Letras Galegas. Botando man da conversa con amizades e persoas que tiveron relación con Manuel María a través da política e a literatura, Gonzalo Veloso reconstrúe a figura do autor buscando un resultado “didáctico-artístico” que non se circunscribe unicamente ao académico, senón que tamén afonda na persoa. Esta será unha ocasión perfecta para descubrir -ou redescubrir- en familia ao poeta e os espazos vitais que marcaron a súa obra.