Tuesday 26 de May de 2026

O PSdeG denuncia o “caos absoluto” na xestión económica de Sanmartín que case triplica o prazo legal de pago a provedores


Marta Abal advirte de que o Concello pecha o peor primeiro trimestre desde 2020, cunha media de case 80 días para pagar facturas cando a lei fixa 30.

A concelleira socialista acusa ao Goberno de Sanmartín de actuar “a paus de cego”, sen planificación nin capacidade de xestión, e alerta de que a situación pode empeorar aínda máis en 2026 pola falta de liquidación do orzamento.

A concelleira do Grupo Municipal Socialista Marta Abal denunciou o “caos absoluto” na xestión económica do Concello de Santiago tras coñecerse os últimos datos publicados polo Ministerio de Facenda sobre o período medio de pago e as cantidades pendentes cos provedores.

Segundo explicou, en marzo de 2026 o Concello situouse nun período medio de pago de 84,87 días, o peor dato rexistrado nun mes de marzo desde o ano 2020. “En marzo de 2020 o Concello pagaba en 48 días e agora paga en máis de 84”, advertiu, subliñando que o atraso “empeorou máis dun 75%” nos últimos anos. Abal alertou ademais de que o importe pendente de pago ascende xa a case 15,5 millóns de euros. “O Concello paga tarde, paga cada vez máis tarde e acumula cada vez máis importe pendente de pago aos provedores”, resumiu.
A socialista advertiu tamén de que os datos do primeiro trimestre son “aínda máis preocupantes”, cunha media de 79,96 días para pagar facturas. “Hai que recordar que a lei fixa un prazo de pagamento de 30 días e o Concello de Santiago tarda case 80 días en pagar”, criticou. Neste sentido, asegurou que o problema “non é de liquidez”, senón “da absoluta falta de xestión e de rumbo” do Goberno de Goretti Sanmartín. Así, lembrou que o executivo municipal decidiu ao inicio do mandato centralizar a xestión económica na Coordinación Xeral, unha medida que o grupo socialista xa advertira que era “totalmente errada”.

A edil socialista sinalou que a recente modificación da relación de postos de traballo evidencia que “o propio Goberno municipal está se dando conta” dese erro, despois de eliminar parte dos postos creados para esa centralización.

Abal mostrou tamén a súa preocupación porque o Concello siga sen aprobar a liquidación do orzamento de 2025, cando debería estar asinada desde finais de marzo. “Estamos a 26 de maio e aínda non temos liquidación”, denunciou, advertindo de que este atraso “ten un efecto inmediato no retraso dos pagos aos provedores”.

A concelleira socialista criticou tamén a falta de planificación nos contratos municipais e alertou de que servizos importantes continúan en situación precaria ou afrontan a súa caducidade sen novos expedientes licitados. Entre outros exemplos, citou os contratos da auga, da xestión das multas de tráfico, do mantemento do túnel do Hórreo ou das escolas infantís municipais. “O que estamos a ver neste Concello é que se deixan caducar contratos e non se actúa coa antelación suficiente para evitar que entren en precario”, denunciou.

Abal lamentou tamén que o Goberno municipal non estea aproveitando ferramentas impulsadas no anterior mandato para mellorar a administración electrónica e axilizar os procesos internos do Concello. Neste sentido, advertiu de que “non vemos que o Goberno municipal nin estea a investir en mellorar a administración electrónica nin tampouco resultados” da Oficina de Transformación Dixital posta en marcha no anterior mandato.
“O que fai falta é actuar con planificación, con rigor e mellorar os procesos”, afirmou Abal, que reclamou ao Goberno municipal que deixe de “dar paus de cego” e adopte medidas reais para mellorar a xestión económica do Concello.

Deja un comentario