Tuesday 26 de May de 2026

Abegondo publica a súa programación de actividades deportivas e culturais para verán


· O prazo de inscrición estará aberto desde o luns, 1 de xuño.

Os veciños de Abegondo poderán elixir entre unha ampla oferta de actividades deportivas e culturais este verán. O Concello acaba de anunciar o programa completo de propostas co obxectivo de facilitar un lecer formativo e propiciar a conciliación ás familias durante a tempada estival.

Entre as propostas estivais destacará o Campus Cabreiroá de Abegondo, que se realiza en colaboración coa Fundación RC Deportivo. Esta actividade, dirixida a nenos e nenas de 6 a 14 anos, desenvolverase por quendas semanais entre o 22 de xuño e o 31 de xullo. As inscricións abriranse o próximo 20 de xuño ás 12.00 horas.

Os máis pequenos tamén contarán cos campus de ximnasia rítmica, taekwondo, fútbol, multideporte e a escola de hípica, todos eles en horario de 10.00 horas a 14.00 horas. O público adulto manterá a súa programación habitual con actividades fitness, adestramentos privados, sala de ximnasio e ciclo indoor.

A maiores, o Concello de Abegondo amplía a súa programación infantil con dúas alternativas para menores a partir de 6 anos: o campus ‘Exploradores activos’, estará centrado no descubrimento do medio natural, e as clases de baile de K-POP. O programa estival inclúe tamén unha excursión ao Aquapark de Cerceda o 31 de xullo.

Conciliación

A programación de verán municipal destaca, un ano máis, pola súa aposta en termos de conciliación. Por unha banda, a través da Aula Lúdica ofreceranse actividades para atender as necesidades das familias durante as mañás. Funcionará os meses de xullo e agosto en horario de 8.30 a 14.30 horas.

O Concello ofrecerá a posibilidade de complementar as actividades co ‘Pack de Verán’. Ademais, a programación sumará un servizo de logopedia e un curso de introdución ao idioma e a cultura galega, destinado a maiores de 16 anos. A Biblioteca seguirá aberta no verán en horario de luns a venres de 9.00 horas a 14.30 horas.

A inscrición abrirase o vindeiro luns, 1 de xuño. Toda a información das actividades pódese atopar na web municipal www.abegondo.gal e chamando ao 981 647 909.

A área de deportes atenderá a través do correo electrónico deportes@abegondo.gal, mentres que para as propostas culturais deberase escribir a cultura@abegondo.gal. As consultas relativas á biblioteca xestionaranse no correo biblioteca@abegondo.gal ou no teléfono 981 669 266.

Deja un comentario