· O Concello abrirá este mércores, 27 de maio, o prazo de inscrición, que estará dispoñible ata o 8 de xuño.
O Concello volverá promover a conciliación durante a época estival. Farao co lanzamento dunha nova edición dos seus campamentos deportivos de verán, que se desenvolverán entre o 22 de xuño e o 28 de agosto. A proposta está dirixida a nenos e nenas de entre 3 a 11 anos e levarase a cabo ao longo de dez semanas. Haberá dous prazos de inscrición: o primeiro irá do mércores, 27 de maio (9.00 horas) ata o 8 de xuño (14 horas) e o segundo do 27 de xullo (ás 9.00 horas) ata o 31 do mesmo mes (14.00 horas).
Os campamentos desenvolveranse no CEIP Plurilingüe Vicente Otero Valcárcel e na contorna do centro de ensino de luns a venres (excepto festivos) e en horario de 7.30 a 16.00 horas para facilitar ao máximo a conciliación das familias. Entre as 7.30 e as 10.00 horas levarase a cabo o servizo de madrugadores, de 10.00 a 14.00 horas terá lugar a propia actividade do campamento e, para rematar, de 14.00 a 16.00 horas será a quenda do servizo de comedor. As prestacións de madrugadores e comedor inclúen a atención dos pequenos e pequenas, que deberán traer a súa comida de casa. En total, serán dez semanas de actividade distribuídas da seguinte forma:
· 1ª semana: do 22 ao 26 de xuño
· 2ª semana: do 29 de xuño ao 3 de xullo
· 3ª semana: do 6 ao 10 de xullo
· 4ª semana: do 13 ao 17 de xullo
· 5ª semana: do 20 ao 24 de xullo
· 6ª semana: do 27 ao 31 de xullo
· 7ª semana: do 3 ao 7 de agosto
· 8ª semana: do 10 ao 14 de agosto
· 9ª semana: do 17 ao 21 de agosto
· 10ª semana: do 24 ao 28 de agosto
Como parte do programa, os e as participantes desfrutarán de diferentes modalidades deportivas, centrándose, especialmente, naquelas que se practican no propio municipio. A maiores, organizaranse actividades de contacto coa natureza para promover o respecto e o coidado da contorna natural e realizaranse xogos e tamén excursións.
As persoas interesadas deberán tramitar a súa solicitude a través da sede electrónica ou, de forma presencial, no rexistro municipal. As prazas ofertadas son limitadas, adxudicándose por orde de inscrición ou ata esgotarse. As bases e a ficha de inscrición estarán dispoñibles na páxina web municipal para a súa consulta.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.