Friday 22 de November de 2024

Feijóo avanza que os centros de infantil e primaria con máis alumnos contarán cun auxiliar administrativo neste mesmo curso


Beneficiaranse desta medida os colexios con 400 ou máis matriculados e os de 350 ou máis que dispoñan de transporte e/ou comedor

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe tras o Consello da Xunta a aprobación da modificación da relación de postos de traballo do persoal de Educación para dotar dun auxiliar administrativo os centros de infantil e primaria. Deste modo, cúmprese un compromiso adquirido no Debate sobre o Estado da Autonomía, unha vez que mellorou a dispoñibilidade económica da Xunta.

Feijóo precisou que os primeiros colexios que se beneficiarán desta medida serán os que teñan matriculados a 400 alumnos ou máis; así como os que teñan 350 ou máis alumnos, sempre que dispoñan de servizos complementarios de transporte e/ou comedor.

A modificación da RPT supón a creación de 99 postos de auxiliar. Estes novos traballadores xa se poderán ir incorporando aos centros ao longo das vindeiras semanas.

O titular da Xunta afirmou que con esta medida a Administración autonómica reforza os servizos complementarios nos centros. “Reducimos o traballo burocrático dos profesores, para que poidan dedicar esas horas ao traballo educativo”, concluíu.