Monday 25 de May de 2026

O Concello licita por 1,29 millóns de euros obras de mellora no Estadio Verónica Boquete


A voceira do goberno municipal, Míriam Louzao, deu conta en rolda de prensa dos principais asuntos tratados hoxe en Xunta de Goberno, entre os que salientou tamén a licitación da renovación da rede de abastecemento na rúa da Mira, en Amio, e a composición do xurado da XIX edición do Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados.

A Xunta de Goberno Local de Santiago aprobou, na sesión ordinaria deste luns, o expediente para contratar as obras do Estadio Verónica Boquete de San Lázaro correspondentes á fase III do estudo integral de patoloxías deste equipamento realizado en 2019, que se completan coas detectadas posteriormente.Este contrato tramítase polo procedemento aberto e simplificado cun orzamento base de 1.292.790,67 euros (IVE incluído) e ten un prazo de execución de catro meses.

A portavoz municipal concretou que a intervención inclúe a reparación das fachadas, as cubertas e os soportais do edificio e tamén substituirá o falso teito da cafetería e as carpinterías do muro-cortina da porta 1.

“O complexo sufriu desde o inicio deficiencias estruturais que empeoraron cos 30 anos que leva en funcionamento”, sinalou Míriam Louzao, e lembrou que “no inicio deste mandato realizouse unha avaliación de necesidades globais, tendo en conta as patoloxías do edificio, mais tamén as melloras relacionadas coa súa función deportiva”. Como resultado desta análise, estimouse necesario un investimento de algo máis de 9,3 millóns de euros que, “evidentemente, é imposible abordar nun prazo curto e sen a colaboración doutras administracións, tal como ocorreu cando se construíu”, engadiu.

O Estadio Verónica Boquete foi deseñado no ano 1990 polo arquitecto Andrés Fernández-Albalat Lois e foi inaugurado en xuño de 1993, froito dun convenio entre o Concello, a Xunta de Galicia e o Consello Superior de Deportes.

Unha vez presentada a proposta e solicitada formalmente, a Deputación Provincial da Coruña acordou outorgarlle unha subvención nominativa ao Concello por importe de 850.000 euros para acometer parte deste proxecto integral, en concreto para as obras da envolvente que agora se licitan. O convenio que recolle este acordo entre o Concello e a Deputación asinouse o 24 de novembro de 2025.

Renovación da rede de abastecemento na rúa da Mira

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou o expediente para licitar por procedemento aberto simplificado a renovación da rede de abastecemento na zona da rúa da Mira, en Amio. O orzamento base de licitación ascende a 126.959,64 € (IVE incluído) e ten un prazo de execución de catro meses.

Este proxecto está incluído no plan de actuacións para minimizar as perdas de auga, que sinalou este ámbito como prioritario polas roturas recorrentes das tubaxes de fibrocemento.

O proxecto, que foi aprobado o 22 de decembro, muda 711 metros da rede de abastecemento na rúa onde máis roturas se producen. É a primeira fase dunha intervención que afectará máis rúas da zona de Amio para a que xa están encargados os proxectos correspondentes.

Esta obra instalará uns novos condutos de fundición de 100 mm de diámetro en paralelo cos actuais, de fibrocemento e cun diámetro de 80 mm, separándose deles entre 50 cm e un metro e a unha profundidade dun metro. Colocaranse tamén varios baypass para minimizar os cortes de subministración durante a obra.

Xurado do Premio internacional Compostela para álbums ilustrados

Na sesión ordinaria deste luns, a Xunta de Goberno aprobou tamén a composición do xurado da XIX edición do Premio Internacional Compostela para Álbums Ilustrados, que presidirá a alcaldesa e cuxa secretaría exercerá a técnica do Departamento de Educación, Beatriz Varela.

Como vogais, atendendo a criterios de traxectoria profesional no mundo da ilustración, do deseño e da literatura infantil e xuvenil, formarán parte deste xurado Xosé Cobas, Mercé Gali, Yara Kono, José Luis Polanco e Manuela Rodríguez. O fallo do xurado darase a coñecer na segunda quincena de xuño e o premio entregarase en novembro.

Penalización a EULEN por abandono de contrato

Así mesmo, o Goberno Local acordou este luns impoñer á empresa EULEN unha penalización polo abandono do contrato do lote III de dinamización e mediación da rede de centros socioculturais. O importe da penalidade que é de 49.169,40 euros, equivalente ao 3% do orzamento base de licitación, IVE excluído, consonte o establecido no artigo 153.4 da LCSP e farase efectivo contra a garantía depositada.

Solicitude de subvención

Tamén se acordou solicitar unha axuda para o material publicitario da Semana Santa de Santiago ao abeiro da convocatoria de subvencións da Axencia de Turismo de Galicia para a promoción e difusión destas festas, declaradas de interese turístico galego. O gasto total incluído na solicitude é de 5.956,89 e o máximo da axuda por localidade é de 4.000 euros. A solicitude permite tamén acollerse ao convenio marco asinado entre a Axencia de Turismo de Galicia e Abanca polo que esta entidade financeira achega un máximo doutros 1.500,00 euros.

Licenzas

No tocante á concesión de licenzas urbanísticas, aprobáronse licenzas para a instalación dun ascensor e a reforma do portal do edificio situado no número 33 da rúa dos Basquiños; a rehabilitación dunha vivenda unifamiliar na rúa de Sánchez Freire, 99 a 101, e rúa Ramón Baltar, 2: e a rehabilitación parcial dunha edificación destinada a vivenda unifamiliar no lugar de Lobio (Aríns).

Deja un comentario