Feijóo resalta que isto é posible “porque temos as contas en orde e porque cumprir o déficit público permite, lonxe de diminuír, incrementar o presuposto destinado a políticas sociais”
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe na rolda de prensa do Consello o incremento nun millón de horas do servizo de axuda no fogar a persoas en situación de dependencia, acadando así o 100% da atención dos solicitantes. “Seguimos traballando para dar unha resposta satisfactoria ao 100% das persoas que solicitaron a axuda no fogar, e decidimos incrementar nun millón de horas este servizo para incluír a 6.000 novos dependentes”, aseverou.
Logo de precisar que esta medida vai destinada a 220 concellos e a 7 mancomunidades ou a agrupacións de municipios, chegando así a case 19.000 persoas que se beneficiarán do servizo de axuda no fogar; Feijóo explicou ademais que ao orzamento inicial do que se dispuña este 2016 -que ascendía a preto de 50 millóns de euros-, sumáronse agora outros 6 millóns superando así os 55 millóns de euros destinados a este fin.
O titular da Xunta garantiu o compromiso de continuar incrementando a atención aos dependentes e chegar neste 2016 ás 50.000 persoas atendidas. “Facémolo porque temos as contas en orde e porque cumprir o déficit público permite, lonxe de diminuír, incrementar o presuposto destinado a políticas sociais”, dixo.
Cómpre destacar que máis de 42.548 dependentes están sendo atendidos na actualidade, cando en 2009 eran 14.000. E se en 2009 o 75% das 14.000 persoas atendidas percibían unha prestación, agora inverteuse esta proporción e son atendidos por servizos profesionais cerca do 77%.
Diante destas cifras, o presidente da Administración autonómica lembrou que hoxe hai máis de 4.300 dependentes que reciben distintos servizos de teleasistencia e servizos de promoción (vinte veces máis que en 2009). Ademais, máis de 14.000 persoas teñen unha praza pública en residencias, centros de día e centros de día especializados (case o triplo que hai sete anos) e máis de 15.000 dependentes están atendidos a través do sistema de libranzas (un 70% máis). E hai case 13.000 persoas que reciben un servizo de axuda no fogar, un 400% máis de persoas que reciben servizo de axuda no fogar que en 2009.