Monday 25 de May de 2026

Mónica Naranjo actuará o próximo 20 de novembro no Coliseum


As entradas saen á venda hoxe a partir das 16.00 horas, tanto presencialmente como por internet

A recoñecida artista Mónica Naranjo actuará o próximo 20 de novembro no Coliseum, marcando unha data destacada máis na exclusiva e ampla programación do recinto. Será a única actuación en Galicia incluída na súa xira Greatest Hits Concerts, na que repasa os seus éxitos máis célebres para conmemorar 30 anos de carreira profesional.

A venda de entradas activarase hoxe a partir das 16.00 horas presencialmente na taquilla da praza de Ourense e online en Ataquilla.com, zoommusic.es e monicanaranjo.com. Este concerto é a primeira chegada do tour de Mónica Naranjo a Galicia, despois de percorrer no 2025 México, Estados Unidos e diferentes cidades de España, cun gran éxito de público.
“O Coliseum xa é un dos recintos de refencia no panorama cultural de toda España. Os mellores artistas do mundo queren vir á Coruña, porque aquí hai un público que sabe de música, que é entregado e que sabe transmitir o seu cariño aos que chegan á cidade para demostrar o seu talento. Desde o Goberno de Inés Rey fixemos un traballo intensivo estes anos para poñer a esta cidade no lugar que se merece, como motor da cultura en Galicia”, valorou o concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro.

O show maxestoso repasa os grandes fitos da súa discografía, con banda, coristas e bailaríns, un potente deseño de luces, un vestiario especialmente concibido para o espectáculo, e un ritmo frenético. A audiencia revive en directo as versións orixinais de himnos como “Desátame”, “Sobreviviré”, “Europa” ou “Pantera en libertad”, xunto ao seu último single, “Por un like”, entre outras. A Coruña e Madrid foron as dúas cidades españolas elixidas pola cantante catalana para pechar a súa xira.

Deja un comentario