Friday 22 de November de 2024

Feijóo avanza un incremento de ata 200 euros mensuais ás axudas do Bono de Alugueiro social e de ata 600 euros á axuda única para gastos de formalización do contrato


Incide en que se amplía o colectivo de posibles beneficiarios do Bono de Alugueiro Social ,con aquelas persoas que, tendo sido beneficiarias do Programa Aluga, lles rematara o período máximo polo que se lles concede esta axuda nos nove meses anteriores

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe, na rolda de prensa do Consello, un incremento de ata 200 euros mensuais ás axudas do Bono de Alugueiro Social e de ata 600 euros a axuda única para gastos de formalización de novos contratos.

Nun primeiro termo, Feijóo precisou que ademais deste incremento de 200 euros para os contratos formalizados nas sete grandes cidades galegas –A Coruña, Santiago, Vigo, Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra-, tamén se incrementa o importe mensual da axuda noutro amplo grupo de concellos, nos que a subvención mensual será de 175 euros: Ames, Ares, Arteixo, As Pontes de García Rodríguez, Betanzos, Boiro, Cambre, Carballo, Cee, Cedeira, Culle¬redo, Fene, Ferrol, Melide, Mugardos, Narón, Neda, Noia, Oleiros, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada e Teo na provincia da Coruña; Burela, Cervo, Chantada, Foz, Lugo, Monforte de Le¬mos, Ribadeo, Sarria, Vilalba e Viveiro na provincia de Lugo; Allariz, A Rúa, O Barco de Valdeorras, O Carballiño, Celanova, Ribadavia, Verín e Xinzo de Limia na provincia de Ourense; e A Estrada, A Illa de Arousa, Baiona, Bueu, Cambados, Cangas, Gondomar, Lalín, Marín, Moaña, Mos, Nigrán, O Grove, O Porriño, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Redondela, Sanxenxo, Tui, Vilagarcía e Vila¬nova na provincia de Pontevedra.

Cómpre subliñar tamén que no resto de concellos galegos a axuda continuará a ser de 150 euros mensuais durante un período de doce meses prorrogables por outros doce. Ademais, os Concellos poderán aportar a mesma cantidade para completar “unha axuda que é básica e fundamental para poder financiar o alugueiro social mensualmente”. E, en todo caso, o importe mensual da axuda poderá incrementarse ata un 20% no caso de que as persoas arrendatarias sexan integrantes dunha familia numerosa ou dunha unidade de convivencia onde necesiten unha vivenda adaptada para algún dos seus membros.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta incidiu en que outra das novidades é o incremento de 450 a 600 euros do importe da axuda única que se concede para os gastos derivados da formalización de novos contratos de alugueiro ou para o pago de atrasos no caso de permanecer na vivenda obxecto do procedemento xudicial de desafiuzamento.

Por outra banda, destacou tamén que se amplía o colectivo de posibles beneficiarios do Bono de Alugueiro Social, xa que se incrementa con aquelas persoas que, tendo sido beneficiarias do Programa Aluga, lles rematara o período máximo polo que se lles concede esta axuda (cinco anos) nos nove meses anteriores á data da publicación da correspondente convocatoria.

Desta forma, este novo colectivo vénse sumar aos que xa podían acceder a estas axudas, que eran os seguintes: aquelas que precisen dunha axuda para asumir o custo do arrendamento da súa vivenda por estar inmersas en situacións de especial dificultade que determinaron a interposición pola persoa arrendadora dunha demanda de desafiuzamento. As vítimas de violencia de xénero con dificultades para asumir o custe do arrendamento dunha vivenda e que no momento da solicitude se atopen residindo nun recurso de acollida. E, aquelas unidades de convivencia con dificultades para asumir o custe do arrendamento dunha vivenda e que foran privados da súa vivenda habitual por danos sufridos nesta derivados dunha circunstancia imprevisible e sobrevida, tales como incendios, inundacións, etc.

“En definitiva, ampliamos o Bono de Alugueiro Social a máis colectivos e ampliamos a contía para que aqueles que o precisen o teñan e o teñan cos recursos necesarios”, afirmou Feijóo, a modo de resumo.