Monday 25 de May de 2026

O proxecto Carballo na Memoria bate récords na costa: a veciñanza de Noicela e Rebordelos achega máis de 300 fotografías á memoria colectiva


• A última xornada de recollida, celebrada no centro social de Imende, foi un éxito rotundo de participación veciñal

• As imaxes recuperadas, unha vez dixitalizadas, formarán parte do gran álbum colectivo que está a construír o Concello

O proxecto municipal Carballo na Memoria, que ten como obxectivo primordial a recuperación e salvagarda do patrimonio inmaterial, gráfico e histórico do municipio, vén de vivir unha das súas xornadas máis frutíferas. A iniciativa trasladouse este mes á zona costeira do concello co obxectivo de rescatar os recordos das parroquias de Noicela e Rebordelos, e a resposta por parte dos veciños e veciñas foi espectacular.
O punto de encontro foi o centro social de Imende, onde a xente respondeu de forma masiva ao chamamento de “rebuscar nos caixóns”. O resultado superou as expectativas máis optimistas da organización: recompiláronse máis de 300 fotografías, recordos familiares que axudan a reconstruír de forma fiel a historia cotiá, as tradicións e a evolución desta fermosa franxa do litoral carballés.
O proceso ten unha metodoloxía definida: as fotografías son escaneadas e documentadas, o que permite que as persoas participantes leven de volta os documentos orixinais para as súas casas no mesmo momento. Todas estas imaxes recuperadas serán agora catalogadas, protexidas e integradas na nova plataforma web que o Concello de Carballo está a deseñar, co obxectivo de que este valioso legado sexa accesible de balde para toda a cidadanía de hoxe e das futuras xeracións.
Dende o departamento de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística queremos agradecer a colaboración da comisión de festas e do consello parroquial, porque este proxecto non sería posible sen a xenerosidade da veciñanza: “Só a través destas achegas individuais é posible ir completando este gran álbum colectivo que conforma a nosa identidade como pobo”, apuntou a concelleira delegada da área, Ángeles Pacoret.

Deja un comentario