Friday 22 de November de 2024

A Xunta segue coa aposta pola instalación de caldeiras de biomasa nos edificios xudiciais galegos


O director xeral de Xustiza relatou que proximamente procederase á instalación de caldeiras de biomasa nos edificios xudiciais de Santiago e Vigo, así como a instalación de elementos de climatización no edificio xudicial de Santiago

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín anunciou hoxe na súa comparecencia na Cámara galega que proximamente procederase á instalación de caldeiras de biomasa nos edificios xudiciais de Santiago e Vigo, así como a instalación de elementos de climatización no edificio xudicial de Santiago.

Juan José Martín explicou no Parlamento que o goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, coma responsable do mantemento das infraestruturas xudiciais, continua coa racionalización enerxética nos edificios xudiciais da Comunidade, implantando diversas medidas que permitan acadar maiores cotas de eficiencia enerxética, como son a instalación de caldeiras de biomasa.

Martín destacou que estas obras completaranse con outras a medio prazo, como son a instalación de caldeiras de biomasa nos edificios xudiciais de Pontevedra e Ordes, a renovación das carpinterías exteriores dos edificios xudiciais de Chantada e A Estrada, así como a renovación da iluminación, mediante a instalación de luminarias LED e sistemas de regulación da iluminación nos edificios xudiciais de Galicia.

Lembrou que a Xunta de Galicia desenvolveu a Estratexia Integral de Impulso da Biomasa 2014-2020 ao comprobar a conveniencia de impulsar a biomasa por tratarse dun combustible autóctono, menos contaminante e que permite colaborar ao desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia e a redución dos incendios forestais. Grazas á colaboración co Instituto Enerxético de Galicia, no marco das subvencións para a renovación de equipamentos térmicos, estase a traballar na substitución de caldeiras de gasóleo por outras que empregan a biomasa como combustible. Ademais, tamén se ve beneficiada a sociedade galega no seu conxunto xa que o uso da biomasa contribúe ao fortalecemento do sector industrial galego, xerando emprego e previndo os incendios forestais.

Neste marco, o titular de Xustiza relatou que no ano 2014 renováronse as instalacións dos xulgados de Becerreá, Chantada, Pobra de Trives, Ribeira e Tui cun investimento de preto de 200.000 euros e que están a xerar uns aforros anuais en combustible de preto do 47 por cento, o que supón un aforro anual de 20.000 euros. No pasado ano 2015, executouse a instalación de caldeiras de biomasa nos edificios xudiciais de Ortigueira, Marín, Xinzo de Limia e Mondoñedo. Estas actuacións supoñen un investimento superior aos 200.000 euros e lograranse uns aforros do 50 por cento do consumo de gasóleo, estimados en 13.500 euros anuais.

Plan de eficiencia enerxética e obras menores nos edificios xudiciais de Galicia
Juan José Martín destacou que no ano 2013, o goberno galego aprobou o Plan de aforro e eficiencia enerxética da Administración Pública para o período 2015-2020, que busca desenvolver as recomendacións recollidas na Directiva 2006/32/CE da Unión Europea sobre a eficiencia enerxética do uso final da enerxía e os servizos enerxéticos, promovendo as medidas que o sector público debe adoptar en materia de consumo enerxético, servindo a súa vez de modelo para o resto da sociedade.

Seguindo nesta liña o Consello da Xunta aprobou recentemente o Plan de eficiencia enerxética e obras menores a implantar nos edificios xudiciais de Galicia durante o período 2016-2018, no que se investirán máis de 3,5 millóns de euros, polo cal 2,4 millóns de euros son para actuacións de eficiencia enerxética 2016-2018 1,1millons de euros para obras menores 2016-2018.

As actuacións de eficiencia enerxética que se acometerán a través deste plan, serán basicamente a mellora da envolvente dos edificios, fundamentalmente actuando sobre o illamento das cubertas e das fachadas, así como mellorando o illamento de fiestras; a instalación de sistemas de calefacción e climatización más eficientes, substituíndo caldeiras que empregan combustibles fósiles por outras que empreguen biomasa, instalando sistemas de climatización nos edificios que o requiran; e a mellora da iluminación das oficinas, instalando lámpadas de baixo consumo enerxético.

Martín destacou a inversión de 580.000 euros no Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, para a mellora da envolvente da súa sede, coa substitución de vidros e carpinterías, ademais da reparación da cuberta; e da inversión na Audiencia Provincial de Lugo cun orzamento de 300.000 euros para a substitución de vidros e carpinterías.

Ademais, o Plan tamén aborda a realización de obras menores nos edificios xudiciais da nosa Comunidade, polo que para este ano dótanse as cantidades precisas para completar a profunda reforma do mapa de infraestruturas xudiciais que iniciamos no ano 2010, pois tralas reformas dos xulgados de Ferrol, do da rúa Monforte da Coruña e tralas construcións de novos edificios en Santiago, en Ourense e no Casco Vello de Vigo,están tamén tres grandes proxectos, coma son a rehabilitación da Fábrica de Tabacos da Coruña, un investimento que rolda os 16 millóns de euros e que vai aumentar nun 70 por cento a superficie das unidades xudiciais nesa cidade, que para o seu remate en 2016 dótanse 8,3 millóns. Ademais, da obra do novo edificio xudicial de Pontevedra, xa licitada por 20 millóns e que suporá un investimento total de preto de 21 millóns de euros que vai agrupar todas as unidades xudiciais dispersas nesa cidade. 5 millóns para o seu comezo, e a Cidade da Xustiza de Vigo.