A nova instalación, construida na rúa Cuento ao abeiro da rehabilitación do mercado municipal do barrio, volverá á actividade no mes de setembro
A apertura da nova EIM de Monte Alto xa está un paso máis preto. Esta semana, o Concello licitou o contrato de adquisición do equipamento e mobiliario da escola infantil, un paso clave de cara á volta á actividade da escola infantil, prevista no mes de setembro.
O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, puxo en valor a modernidade e calidade das novas instalacións da EIM, que anteriormente tiña a súa localización na rúa Forcarei e, aproveitando a renovación do mercado municipal do barrio, foi trasladada e reconstruída a carón da rúa Cuento.
Agora, co novo equipamento listo, o Goberno de Inés Rey ultima as tarefas correspondentes á subministración dos utensilios necesarios para o funcionamento diario da escola, un espazo de titularidade municipal no que, ao igual que nas outras sete instalacións da REIM, o Goberno de Inés Rey promove a escolarización gratuíta de nenas e nenos de ata tres anos de idade.
“Agradecemos a comprensión, paciencia e espírito de colaboración amosados polo equipo educativo e as familias usuarias da EIM ao longo deste tempo”, expresou Borrego, que informou hoxe de que o contrato que saíu a concurso inclúe a adquisición dos útiles necesarios para o coidado das crianzas nas aulas da EIM, a sala de usos múltiples, dependencias como recepción e despachos, a sala de xuntas e tamén os aseos. “Sei que as familias saberán valorar a nova escola infantil, que ofrecerá aos pequenos e pequenas moito mellores condicións que as instalacións previas”, indicou Borrego.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.