Saturday 16 de November de 2024

O xerente do Xacobeo participa en Málaga no I Congreso Internacional sobre Intelixencia Turística 2016


Rafael Sánchez participará cunha intervención centrada no Camiño de Santiago na que poñerá de manifesto o incremento de peregrinos que Galicia está rexistrando nos últimos anos

O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participará mañá no I Congreso Internacional sobre Intelixencia Turística 2016, que se desenvolve en Málaga e aborda a xestión e a competitividade turística internacional, que se ten convertido nunha prioridade para o sector.

Rafael Sánchez participará cunha intervención centrada no Camiño de Santiago na que poñerá de manifesto o incremento de peregrinos que Galicia está rexistrando nos últimos anos. A cifra de peregrinos que recolleron a Compostela neste ano supera xa o datos acadado neste mesmo período no último ano santo, celebrado no ano 2010. Así mesmo, falará do notable crecemento do número de peregrinos estranxeiros, que representan xa máis do 55% dos que chegan ata Santiago.

Por outra parte, o xerente de Xacobeo poñerá de manifesto a importancia de contar cun Plan Director e Estratéxico do Camiño de Santiago, que establece un total de 83 accións en diversas liñas estratéxicas, para unha xestión integral da ruta xacobea conservando a súa identidade singular e respondendo ás expectativas do século XXI.

Rafael Sánchez explicará a relevancia dunha correcta xestión das infraestruturas e recursos dispoñibles para que o Camiño sexa un recurso turístico de calidade e un reclamo internacional. Neste sentido, Turismo de Galicia encárgase da xestión do Camiño de Santiago ao longo dos máis de 1.300 km declarados oficialmente, dende o mantemento da propia ruta e a súa sinalización ata a Rede Pública de Albergues.

Do mesmo xeito, o xerente destacará o traballo que a Administración galega realiza en relación á difusión do Camiño e da cultura xacobea e das relacións coas asociacións de amigos do Camiño de Santiago, que suman máis de 300 ao longo de todo o mundo.