Un total de 140 escolares de 22 colexios participaron na competición na praza de María Pita
Hoxe tivo lugar na praza de María Pita o primeiro Torneo de Xadrez Escolar Pequenos Xigantes, organizado polo Concello e a Fundación Recuperación Materiales Diversos (RMD). Toda a competición se levou a cabo con fichas de xadrez recicladas, derivadas de pneumáticos fóra de uso —no mega xadrez foron recicladas máis de 800 rodas—.
Despois dunha xornada de rifada competencia, coa participación de 140 escolares da cidade da Coruña e das súas áreas de influencia cun total de 31 equipos de 22 colexios, o Coruña British International School alzouse como campión do torneo. O segundo clasificado foi o CPR Salesiano San Juan Bosco, seguido polos centros educativos CEIP Graxal (Cambre) e CEIP Vicente Otero Valcárcel (Carral).
“Estamos moi contentos de recibir e apoiar esta iniciativa tan bonita, que mestura a aprendizaxe coa diversión e a educación. Os nenos e nenas aprenderon, entre taboleiros e pezas, valores tan importantes como o compañeirismo, o traballo en equipo e o esforzo”, subliñou o concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, que fixo entrega dos premios aos gañadores.
Esta iniciativa naceu en León no ano 2021, e xa pasou por outras cidades como Zamora, Segovia, Xixón, Valladolid, Ourense, Oviedo ou Santander. Os catro equipos finalistas do torneo que se desenvolverá na Coruña poderán participar na gran final nacional que se celebrará en León no mes de novembro, representando aos colexios da cidade.
O evento contou, en todo momento, coa colaboración da Federación Provincial de ANPAS de Centros Públicos da Coruña, que organiza anualmente dentro das súas actividades extraescolares clases de xadrez e que difundiron e animaron ás e os escolares a participar no torneo.
A Fundación Recuperación de Materiais Diversos forma parte da iniciativa social da empresa RMD, dedicada ao reciclaxe e á valorización de residuos. A entidade impulsa proxectos que integran deporte, cultura e sustentabilidade, co obxectivo de contribuír a unha sociedade máis inclusiva, consciente e comprometida co medio ambiente. Neste proxecto, a nivel local, conta con patrocinadores como Signus e Francisco Mata S.A.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.