Saturday 23 de May de 2026

Mila Castro propón respaldo institucional á solicitude de protección do Paisaxe Cultural de Conxo trasladada á UNESCO por Conxo Aberto


• As concelleiras Non Adscritas reiteran con esta proposición o seu rexeitamento ao proxecto da senda da Xunta que atravesa o bosque do Banquete de Conxo

• A proposición reclama tamén impulsar de maneira decisiva o Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Conxo para garantir a preservación ambiental, patrimonial e paisaxística deste ámbito

A concelleira non adscrita do Concello de Santiago de Compostela, Mila Castro, defenderá no vindeiro Pleno municipal unha proposición para que a Corporación exprese o seu respaldo institucional á solicitude de amparo e protección do Paisaxe Cultural de Conxo trasladada pola asociación veciñal Conxo Aberto á UNESCO, así como para impulsar de maneira decidida o Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Conxo.

A iniciativa parte da preocupación existente polo impacto das obras da senda peonil e ciclista impulsada pola Xunta entre O Milladoiro e San Caetano sobre a contorna do Banquete de Conxo e o río Sar, un dos espazos de maior valor patrimonial, ambiental e simbólico da cidade.

“O proxecto impulsado pola Xunta entre O Milladoiro e San Caetano foi un proxecto errado desde o principio. Levamos máis dun ano advertindo de que este trazado era incompatible coa protección dun espazo de enorme valor patrimonial, ambiental e simbólico para Santiago como é a contorna do Banquete de Conxo e o río Sar”, sinala Mila Castro.

A concelleira lembra que “o tempo foi confirmando todas esas preocupacións”, facendo referencia á paralización das obras en maio de 2025, á apertura de dilixencias penais por parte da Fiscalía Europea Anticorrupción por un presunto uso espurio de fondos europeos, á mobilización veciñal e ecoloxista e ás advertencias técnicas e patrimoniais emitidas sobre o proxecto.

Os informes patrimoniais cuestionan o trazado elixido pola Xunta

Neste sentido, a iniciativa incorpora novamente as conclusións do informe elaborado por ICOMOS España sobre a compatibilidade do proxecto de mobilidade sostible coa protección da paisaxe cultural de Conxo, no que se conclúe que a alternativa seleccionada pola Xunta “mantén afeccións significativas á paisaxe e ao ecosistema forestal”.

O documento tamén identifica afeccións directas sobre zonas de especial sensibilidade patrimonial e ambiental, incluíndo o Bosque do Banquete, os camiños históricos, elementos etnográficos asociados ao antigo hospital e as vistas paisaxísticas características da contorna de Conxo.

“Fóronse acumulando informes e advertencias, incluso desde a propia Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta, que poñían enriba da mesa contradicións moi serias entre o proxecto executado e as condicións de protección que se establecían para este ámbito”, apunta.

Mila Castro lembra tamén que as concelleiras non adscritas xa impulsaran en xuño de 2024 unha iniciativa plenaria para instar á paralización das obras e á modificación do trazado, e que posteriormente Mercedes Rosón volveu levar esta cuestión ao Pleno para reiterar o rexeitamento institucional ao proxecto.

“Agora volvemos facelo cunha nova iniciativa que busca respaldar institucionalmente o movemento impulsado por Conxo Aberto e reforzar a necesidade de avanzar dunha vez na protección efectiva deste espazo”, destaca.

A proposición reclama ademais que o Concello impulse de maneira decisiva o Plan Especial de Protección e Rehabilitación de Conxo como instrumento fundamental para garantir a coherencia entre as actuacións urbanísticas, ambientais e de mobilidade que se desenvolvan neste ámbito.

“Aquí non estamos discutindo sobre mobilidade sostible, que compartimos plenamente. O que estamos dicindo é que non se pode facer un proxecto de mobilidade arrasando patrimonio, paisaxe e ecosistemas de enorme valor histórico e ambiental. E ademais facéndoo en contradición cos propios proxectos de restauración ecolóxica e posta en valor patrimonial que outras administracións impulsamos neste mesmo espazo”, conclúe Castro.

Deja un comentario