Saturday 23 de May de 2026

O ciclo Poetas Di(n)versos trae o Poeta Laureado británico Simon Armitage xunto o galego Samuel Merino


O encontro celebrarase este luns 25 de maio no Centro Ágora, con entrada libre ata completar capacidade

O ciclo Poetas Di(n)versos continúa a súa programación do último trimestre cun novo encontro poético que terá como protagonistas ao recoñecido poeta británico Simon Armitage e ao creador galego Samuel Merino. A cita será este luns 25 de maio ás 20.00 horas no auditorio do Centro Sociocultural Ágora, con entrada de balde ata completar capacidade.

Este ciclo, dirixido pola Premio Nacional de Poesía Yolanda Castaño, forma parte da programación cultural impulsada polo Concello da Coruña e consolídase como unha das citas de referencia para a poesía contemporánea, combinando voces internacionais de primeiro nivel con autores e autoras galegas. “A nosa alcaldesa, Inés Rey, busca encher de riqueza e variedade a programación cultural da cidade, apostando por consagrar citas como Poetas Di(n)versos, que atrae á cidade ás grandes figuras da poesía a nivel mundial”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.Simon Armitage (Huddersfield, 1963) é o actual Poeta Laureado do Reino Unido e unha das figuras máis destacadas da poesía anglosaxoa contemporánea. Ao longo da súa traxectoria recibiu numerosos galardóns, entre eles a Medalla de Ouro da Raíña para a Poesía, e publicou máis dunha ducia de libros. A súa obra, traducida a múltiples linguas, abrangue tamén a narrativa, a dramaturxia e a música. O seu traballo destaca pola capacidade para achegar a poesía ao gran público a través dunha linguaxe próxima e unha fonda reflexión sobre a experiencia humana.

Compartirá escenario con Samuel Merino (Mos, 1982), autor galego que desenvolve unha obra situada na intersección entre a poesía, a escena e a performance. Licenciado en Filosofía e formado nas artes escénicas, Merino ten recibido diversos recoñecementos, como o Premio de Poesía Viva ou o Premio Manuel Lueiro Rey. A súa escrita, marcada pola oralidade e a experimentación, explora cuestións como a identidade, o corpo e a percepción da realidade contemporánea.

O encontro permitirá ao público achegarse a dúas voces de grande personalidade, que representan tanto a consolidación internacional da poesía como as novas direccións da creación galega actual. Poetas Di(n)versos reafirma así o seu compromiso coa diversidade lingüística e estética, ofrecendo unha programación que sitúa A Coruña no mapa internacional da poesía.

Deja un comentario