― As novas paradas entrarán en servizo este luns, 25 de maio, e reforzarán a accesibilidade ao polígono en transporte público
― A medida dá resposta ás peticións do Concello de Carballo e da cidadanía
A Xunta vén de aprobar a creación de dúas novas paradas de autobús no polígono de Bértoa, no concello de Carballo, co obxectivo de mellorar as conexións do parque empresarial con Carballo e coa cidade da Coruña.
As novas paradas entrarán en servizo este luns, 25 de maio, e integraranse no itinerario de 10 servizos diarios de luns a venres, con cinco viaxes desde Carballo cara á Coruña e outras cinco no sentido inverso. Contribuirán a atender as necesidades de mobilidade das persoas que se desprazan diariamente á área empresarial para traballar e integraranse nas dúas liñas que conectan A Coruña con Fisterra.
Unha das novas paradas, baixo a denominación Pol. Bértoa (rúa Volframio), localizarase na rúa Volframio, á altura da rotonda que enlaza coas rúas do Ferro e do Cobre. A outra, denominada Pol. Bértoa (oficina de propietarios), situarase fronte ás oficinas da comunidade de propietarios do polígono industrial e comercial, na rúa do Cobre.
Para realizar o traxecto Carballo–A Coruña, as persoas usuarias disporán de cinco servizos diarios de luns a venres, con horarios de saída estimados desde a Estación de autobuses de Carballo ás 08,32, 09,22, 12,22, 15,08 e 17,53 horas. Os servizos efectuarán parada no polígono de Bértoa arredor das 08,37, 09,27, 12,27, 15,13 e 17,58 horas, respectivamente.
No sentido inverso, A Coruña–Carballo, tamén haberá cinco servizos diarios de luns a venres, con saída desde a Estación de autobuses da Coruña ás 08,15, 11,45, 14,00, 16,45 e 19,45 horas. O paso polo parque empresarial producirase arredor das 08,49, 12,18, 14,34, 17,19 e 20,19 horas, respectivamente.
Esta configuración permitirá ofrecer conexións regulares tanto para facilitar as entradas aos postos de traballo como os desprazamentos de regreso ao remate da xornada laboral.
Con esta actuación, a Xunta dá resposta ás demandas trasladadas polo Concello de Carballo e pola cidadanía, reforzando a aposta polo transporte público nas áreas empresariais en expansión.
A información actualizada sobre os servizos estará dispoñible para a súa consulta no portal web https://www.bus.gal/gl.


Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.