Continúa en marcha o proceso de renovación das redes de abastecemento de auga máis antigas. Xa están finalizadas as obras de Nós, na avenida Salvador Allende, e da Costa da Tapia, a tubaxe xeral de entrada ao municipio. En breve rematarase o tramo Oleiros- A Pezoca e nos próximos días iniciarase tamén a conexión desde o depósito da Edreira ata Oleiros. Ademais, no presente ano finalizarase a renovación da tubaxe xeral de Montrove, desde Lamastelle ata Perillo, e a rúa Talagra, en Dorneda.
Executaranse máis obras de substitución de tubaxes con cargo á empresa municipal AquaOleiros: rúas Anduriñas, do Campo, Benito Vicetto e Cruceira. Tamén se vai renovar por completo a rede na zona do Couto, en Dorneda, e iniciarase o cambio da rede xeral de Mera, desde o depósito de Breixo. O investimento total de todas estas actuacións supera os 5 millóns de euros.
O Concello de Oleiros conta cunha ampla rede de abastecemento de auga dotada de 432 km e dotada con 11 depósitos, que se atopan en constante proceso de mellora, destinando todos os anos importantes recursos económicos á súa renovación. Nas obras das tubaxes vanse priorizando aqueles tramos nos que se producen máis roturas, normalmente os de maior antigüidade.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.