Compiten este luns no XXVII Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña
Domingo de preestreas na Casa da Cultura de Neda. Os grupos infantil e xuvenil da Escola municipal de teatro teñen esta fin de semana ensaio xeral aberto ao público das obras coas que presentarán no XXVII Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña, que organiza o IES Rosalía Mera. Trátase de “O Misterioso Camiño Inglés de Neda” e dunha adaptación de todo un clásico da literatura como “O principiño”. As dúas propostas escénicas están dirixidas por Marián Rei.
As escolas municipais de teatro infantil e xuvenil participan por terceiro ano consecutivo no certame, destinado a pór en valor o traballo escénico que realizan as compañías escolares e afeccionadas, recoñecendo o talento das novas xeracións de actores e actrices. A quenda dos nedenses será este luns e antes, a modo de preparación, organizan a preestrea na vila.
Así, este domingo, a partir das 18 horas, o grupo infantil, integrado por Ainhoa Morado Videira, Alicia Lucía Tojeiro Hermida, Aroa Calvo Trillo, Martina Chao López, Noelia Sanmartín Martínez, Sofía García Lago, porá en escena unha obra que mestura fantasía, humor, música e memoria, escrita por Óskar Gáez.
“O Misterioso Camiño Inglés desde Neda” ten como protagonistas a dúas irmás que viven enganchadas ao móbil e que, por arte de maxia, vivirán unha ruta de peregrinación alternativa con mil aventuras extraordinarias.
Deseguido, a partir das 19 horas, a veciñanza poderá desfrutar coa versión do célebre libro de Antoine de Saint-Exupéry, unha “fábula poética e simbólica que reflexiona sobre a infancia, a importancia de ver máis alá das aparencias, e a necesidade de conservar a sensibilidade e a imaxinación”. Conforman o elenco Erika Sandá Codesido, Sara Carneiro Primoy, gañadora o pasado ano do premio á mellor interpretación cadete no citado concurso, Bernabel Menéndez González, e Leila Orjales Vidal.
Na actual edición do Certame provincial de Teatro Escolar e Afeccionado premiaranse ás mellores obras, as actuacións máis destacadas, á mellor interpretación de reparto e a dirección artística.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.