En relación ao banco marisqueiro das Pías, ubicado nesta ría, a directora xeral adiantou que este ano está previsto acometer novas actuacións neste banco, a través dunha encomenda coa empresa pública Seaga
A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez respondeu esta tarde na Comisión 8ª do Parlamento a unha pregunta relacionada coa ría de Ferrol e explicou que grazas ao sistema de reinstalación para a depuración de moluscos procedentes das zonas C se depurou marisco cumprindo con todos os requisitos de salubridade. Un produto, dixo, que sen esta fórmula non podería ter saído ao mercado. Así, dende a súa posta en marcha no ano 2012 as bateas de reinstalación da ría de Ferrol permitiron poñer no mercado preto de 480.000 quilos de molusco.
En relación ao banco marisqueiro das Pías, ubicado nesta ría, a directora xeral adiantou que este ano está previsto acometer novas actuacións neste banco, a través dunha encomenda coa empresa pública Seaga. Entre as actuacións previstas ao abeiro desta encomenda está a retirada de mexillón, a remoción do sedimento e a eliminación de depredadores. Explicou ademais que a encomenda de execución ten un ámbito de actuación de toda a costa Galega.
A directora xeral tamén fixo fincapé nos traballos realizados pola Xunta de Galicia en materia de saneamento. Nesta liña, sinalou que o Goberno galego destinou máis de 100 millóns de euros ao saneamento desde o ano 2009, dos cales case 600 foron destinados á depuración das rías. Estas cifras, dixo a directora, amosan “o firme compromiso da Xunta co saneamento da nosa Comunidade, sobre todo no que se refire ás nosas rías”.
Ademais, Susana Rodríguez especificou que no caso da ría de Ferrol o labor da Xunta para acadar o saneamento integral “é permanente e require un gran esforzo económico e técnico”. Así, subliñou que as infraestruturas hidráulicas do sistema de saneamento e depuración da ría ferrolá están na súa recta final, ao tempo que trasladou que a xestión e explotación posterior é responsabilidade do concello contando, coma sempre, coa implicación, o apoio técnico e o asesoramento da Xunta.
Xarda
Por outra banda, en resposta a unha pregunta sobre a pesqueira da xarda, o director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Juan Maneiro, explicou que existen varias circunstancias que inciden no descenso das posibilidades de pesca desta especie. Así, sinalou que as sancións por sobrepesca dos anos 2009 e 2010 inflúen especialmente na modalidade de artes menores, xa que que fan que para os barcos desta frota con porto base en Galicia, estivesen dispoñibles este ano un total dunhas 1.400 toneladas, case un 40% menos que no 2015. Juan Maneiro, sinalou que as consecuencias destas sancións son derivadas dun xeito de gobernar por parte de quen tiña esta responsabilidade nos anos 2009 e 2010 no Goberno central.
Ademais, engadiu o director xeral, nas posibilidades de pesca da modalidade de artes menores tamén incide o desconto de preto de 600 toneladas de sobrepesca do ano 2015 e o desconto de 200 toneladas que nos exercicios anteriores cedía o País Vasco á nosa comunidade. Outra circunstancia que inflúe, explicou, é a diminución dun 15% no Total Admisible de Capturas, con afectación para as cotas de todas as modalidades, pasando de máis de 48.000 toneladas no 2015 ás máis de 33.700 do 2016.
O director xeral lembrou que o 12 de abril a Secretaría General de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, procedeu ao peche provisional e precautorio desta pesqueira para a pesca accidental debido a que “unha vez feito o reconto definitivo dos consumos totais de xarda, constatou que o consumo da cota total era de practicamente o 100% e que tamén se consumira a reserva do 15% para a pesca accidental”. Este peche, explicou Juan Maneiro, tivo a súa motivación na actuación dunhas poucas confrarías que non cumpriron cos acordos acadados no seo da Federación Galega de Confrarías e non enviaron os datos en tempo e forma. Neste sentido, subliñou que foron confrarías concretas e que “a inmensa maioría delas si cumpriron escrupulosamente os acordos”.
Non obstante, engadiu, grazas á cesión de 120 toneladas de cota de xarda por parte do sector pesqueiro do País Vasco, a frota de artes menores de Galicia pode seguir pescando xarda para a pesca accidental. Así, lembrou que o 20 de abril a Secretaría General del Pesca estableceu a apertura da pesqueira da xarda para a pesca accidental cun tope de 300 Kg por embarcación á semana.