Aitor Bouza critica que o goberno da señora Sanmartín siga sen poñer en marcha a empresa municipal de vivenda comprometida nos orzamentos mentres medran os prezos e hai máis de 1.800 demandantes de vivenda pública na cidade.
O secretario xeral socialista cualifica de “ridícula” a política de vivenda da Xunta de Rueda e denuncia que o PP “chega tarde” tras “dezasete anos sen facer a vivenda pública que tiña que facer”.
O secretario xeral do PSdeG de Santiago e deputado autonómico, Aitor Bouza, denunciou hoxe a “parálise absoluta” das administracións local e galega en materia de vivenda e advertiu de que Santiago está a vivir unha “emerxencia social de primeira magnitude” ante o aumento continuado dos prezos e a falta de políticas públicas eficaces.
Bouza puxo o foco especialmente no Goberno municipal e criticou os incumprimentos do executivo de Goretti Sanmartín. “Onde está a Empresa Municipal de Vivenda que se comprometeu xa a señora Sanmartín nos orzamentos do ano 25?”, preguntou, lembrando que a súa creación figuraba tamén nos acordos alcanzados co Grupo Socialista.
Neste sentido, denunciou que o único que está facendo o goberno local “é facer roldas de prensa, dar titulares, moito bombo, moita bandeiriña, pero realmente o único que podemos ver é unha inutilidade absoluta respecto á política de vivenda”.
O secretario xeral socialista advertiu ademais da grave situación que atravesan centos de persoas en Compostela e lembrou que actualmente hai “1.846 persoas” inscritas no rexistro de demandantes de vivenda pública na cidade. “Non poden agardar máis a que se poñan enriba da mesa políticas que poidan combater esta emerxencia tan grave que temos a día de hoxe como é a da vivenda”, afirmou.
Vivendas baleiras
Bouza criticou tamén a falta de medidas para mobilizar vivenda baleira e lembrou que en Santiago existen “ao redor de 6000 vivendas baleiras”. Neste contexto, asegurou que “xa soamente case cun terzo desas vivendas baleiras se podería dar cabida a esas persoas que a día de hoxe están demandando vivenda nesta cidade”.
Ao seu xuízo, a situación actual evidencia que “despois de tres anos de goberno o único que temos é unha radiografía de que todo vai a peor”.
Críticas á Xunta
Bouza dirixiu tamén duras críticas á Xunta de Galicia e acusou ao Goberno de Alfonso Rueda de abandonar durante anos as políticas públicas de vivenda. “Durante todos os anos de goberno do señor Rueda e tamén do señor Feijóo o único que fixeron en materia de vivenda foi deixar os cartos na Xunta de Galicia ou destinalos a outras partidas”, denunciou.
O deputado socialista asegurou que as cifras anunciadas agora polo PP “son ridículas”. “1.800 demandantes e 102 propostas de vivenda que fai a Xunta de Galicia. Evidentemente isto é absolutamente intolerable”, afirmou.
Neste contexto, advertiu de que o PP “chega tarde” despois de “dezasete anos sen facer a vivenda pública que tiña que facer”, e cargou tamén contra a intención da Xunta de promover vivenda pública “a costa das veciñas e veciños”, advertindo de que “a Xunta invita e a veciñanza paga”.
Por último, Bouza reclamou ás dúas administracións que “se poñan a traballar” e defendeu medidas concretas para mobilizar solo e vivenda baleira, como a creación dun Banco Público de Vivenda. “Propostas hai; o que ten que haber é vontade política para desenvolver estas políticas”, concluíu.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.