O programa conta coa colaboración do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública a través de Red.es, e desenvolveuse en 12 entidades locais, con tres casos de uso, 36 empresas e a creación de 32 postos de traballo
A Cidade das TIC acolleu hoxe o Edint Data Day Coruña, un evento no que se deron a coñecer os principais avances do proxecto común de investigación e innovación tecnolóxica dos Espazos de Datos para as Infraestruturas Urbanas Intelixentes (EDINT), unha iniciativa impulsada pola Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), coa colaboración do Concello e do Ministerio para a Transformación Dixital e da Función Pública a través de Red.es.
A alcaldesa, Inés Rey, foi a encargada de abrir o encontro. “A idea é clara. Traducir os datos e, mediante a interpretación, empregalos en idear solucións prácticas que nos conduzan cara un horizonte cunha administración máis eficaz e rápida nas súas respostas. Mais tamén cara unha sociedade máis cohesionada, donde a información flúa máis axil entre todos os actores sociais.”, subliñou Inés Rey, tamén vicepresidenta da FEMP. O concelleiro de Educación, Formación e Innovación Tecnolóxica, Juan Ignacio Borrego, estivo presente na xornada.
O acto de hoxe centrouse na creación de espazos de debate e conversa entre expertos en diferentes campos de interese para o proxecto e representantes do sector público e do tecido empresarial. O ciclo de relatorios incluíu conferenciantes como María de los Mozos, coordinadora da Rede de Centros de Excelencia e Oficinas do Dato (CEOD), Senén Barro, director do Centro de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CiTIUS) ou o consultor en Transformación Dixital Marc Vidal, entre outros.
“Como alcaldesa, pero sobre todo como vicepresidenta da FEMP, non podo máis que felicitar esta iniciativa que a partir do 31 de maio dará un novo salto, coa creación da Rede Española de Oficinas do Dato (REOD). Esta rede actuará como o eixo institucional que conectará os centros de excelencia, garantindo que a evolución do servizo a futuro sexa coherente e coordinada en todo o territorio nacional”, engadiu Inés Rey.
Un traballo pegado ao territorio
EDINT permitiu desenvolver un traballo conxunto en doce entidades locais, con tres casos de uso, 36 empresas e a creación de 32 postos de traballo. Desenvolvéronse preto de 100 actividades informativas, que chegaron ata 2000 persoas, e preto de 2500 usuarios activos dos CEODS.
Os equipos dos CEOD explicaron detalladamente o traballo realizado na primeira fase do proxecto EDINT, centrado principalmente en converter os datos urbanos en solucións reais para mellorar os servizos públicos, fomentar a innovación e o emprego local e impulsar a colaboración entre os diferentes actores sociais. A iniciativa EDINT parte do estudo e análise de datos compartidos para actuar en tres grandes ámbitos de impacto: mellorar os servizos públicos, fomentar a innovación e o emprego local e impulsar a colaboración, e busca implantar funcionalidades concretas en ámbitos clave da xestión municipal como a mobilidade, a sustentabilidade e o estímulo e apoio das economías locais.
Estes datos reflicten o alcance dunha primeira fase que agora se proxecta cara a unha nova etapa, coa creación da Rede de Cidades do Dato como espazo de continuidade, cooperación e impulso da transformación dixital local.
Outro dos grandes puntos de reflexión da xornada foi o dos camiños por transitar na integración da intelixencia artificial tanto no sector público como no privado, e como poden as sociedades modernas avanzar cara a un modelo que, aproveitando todo o potencial da tecnoloxía, siga poñendo o ser humano no centro. “EDINT non é só innovación tecnolóxica.
É innovación social, territorial e, sobre todo, unha aposta pola prosperidade e o benestar de todos e todas”, apuntou Inés Rey.




Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.