Friday 22 de May de 2026

O BNG leva ao Parlamento Europeo a preocupación social polo proxecto de macroplanta de biogás na Laracha


A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, rexistrou unha pregunta con solicitude de resposta escrita dirixida á Comisión Europea para denunciar a preocupación social e ambiental xerada polo proxecto de macroplanta de biogás previsto no concello da Laracha (A Coruña).
Segundo expón a representante nacionalista, a instalación pretende producir fertilizante orgánico para xerar biometano mediante o tratamento de 63.500 toneladas de residuos, unha iniciativa que xa provocou un amplo rexeitamento veciñal polos posibles impactos sobre a saúde, a calidade da auga e do aire, así como sobre a contorna natural da comarca.
A pregunta trasladada á Comisión Europea alerta tamén da posible afectación á zona LIC e ZEC do río Anllóns, xa que o proxecto estaría previsto nunha área de alto valor ambiental e patrimonial, ademais de próxima a varios núcleos de poboación. Neste contexto, a plataforma cidadá “Stop Biogás Laracha” convocou unha mobilización multitudinaria para expresar o seu rexeitamento á iniciativa.
Ana Miranda lembra que Galiza continúa á cola do Estado español e da Unión Europea en superficie protexida dentro da Rede Natura 2000 e critica que a protección ambiental siga sendo unha cuestión secundaria para os gobernos galego e español. A eurodeputada subliña ademais que a Comisión Europea mantén aberto un procedemento de infracción polo incumprimento da Directiva Hábitats e pola deficiente xestión da Rede Natura en Galiza.
Na súa iniciativa parlamentaria, a representante do BNG pregunta á Comisión Europea se ten coñecemento deste proxecto e da posible afectación ás zonas naturais protexidas, así como das medidas concretas adoptadas polos gobernos galego e español para garantir a conservación destes espazos singulares ameazados.
O BNG reafirma así o seu compromiso coa defensa do medio ambiente, da saúde pública e da protección do territorio fronte a proxectos industriais que poidan comprometer o equilibrio ecolóxico e a calidade de vida da veciñanza.

Deja un comentario