Friday 22 de May de 2026

Actividades da fin de semana en San Sadurniño


ConcienciArte programa unha fin de semana alternativa en Silvalonga

A asociación ConcienciArte desenvolverá esta fin de semana dúas novas actividades, continuando coa súa oferta centrada na cultura e nos xeitos de vivir alternativos ao mainstream. Así, este sábado 23 de maio o colectivo proponnos un obradoiro de cosmética natural impartido pola naturópata Jole Ciaramella, mentres que o domingo 24 van levar a cabo unha unha sesión de narrativa escénica e creación corporal dirixida pola artista inglesa Simone Jenkinson. Ambas iniciativas desenvolveranse no espazo de ConcienciArte, na antiga escola de Silvalonga -ao pé da estrada xeral-, e requiren inscrición previa.

A primeira das citas será este sábado ás 17:00 horas cun taller de cosmética natural guiado por Jole Ciaramella, naturópata recentemente instalada en Naraío. Ciaramella desenvolve a súa actividade profesional no centro de saúde natural Onda Natura, situado en Neda, e achegará ás persoas participantes diferentes recursos e coñecementos para elaborar produtos de coidado persoal a partir de ingredientes naturais.

O obradoiro terá un carácter práctico e está pensado para descubrir alternativas sostibles e saudables aos desodorizantes, cremas faciais ou pastas dentais. A actividade ten un prezo de 25 euros para persoas socias e de 30 euros para non socias. As inscricións poden realizarse no teléfono 643 062 367. Máis información sobre esta proposta pode consultarse no perfil de Instagram da asociación ou na súa web.

Xa o domingo, entre as 11:00 e as 13:30 horas, o colectivo organiza un taller de creación escénica impartido por Simone Jenkinson, artista inglesa afincada en Cedeira. A actividade propón unha experiencia práctica e dinámica arredor da construción de historias a través do corpo, explorando a capacidade do movemento para crear escenas e transmitir emocións sen necesidade de palabras.

Jenkinson é cocreadora de diferentes iniciativas culturais e artísticas en Galicia, entre elas o proxecto Hilo, o festival de artes escénicas “Dende a nada” ou a asociación Lugares Comúns, centrada no intercambio cultural entre persoas galegas e estranxeiras que decidiron vivir no país. A artista tamén forma parte da compañía Cuerda Creatives. O taller está dirixido a persoas con interese pola creación, o teatro físico e os procesos expresivos vinculados á intuición e ao traballo corporal.

O prezo neste caso son 20€ para as persoas socias e 25€ para as non socias de ConcienciArte. Hoxe é o último día para anotarse, chamando ao 611 020 465 ou ao 644 259 016.

Proseguen as andainas parroquiais. Este venres, Lamas
O Concello continua desenvolvendo o seu programa de camiñadas polas parroquias, guiadas polos grupos de ximnasia de mantemento para persoas maiores. Nesta tarde soleada de venres tocaralle a Lamas, seguindo un trazado moi doado que se completará en arredor dunha hora e media. Non fai falla apuntarse, abonda con estar diante do Local Social do Chao de Lamas ás 16:00h.

E tamén remate da programación das Letras Galegas
Lembramos, por último, que San Sadurniño tamén pecha a programación das Letras Galegas con dúas propostas culturais enfiadas pola oralidade. E é que este venres ás 19:00h a Casa da Cultura acollerá o contacontos infantil “As letras que voan con nome de muller”, de Trémola Teatro, mentres que o domingo a partir das 20:00h poderemos asistir no Local social do Chao de Lamas a unha nova e intensa aventura de Nabiza Girl, a coñecida superheroína galega interpretada por Isabel Risco que loita para asegurar a pervivencia da nosa lingua e a nosa cultura. Ambas actividades son con entrada de balde e non fai falla inscrición previa.

Deja un comentario