• Un informe técnico municipal advirte de que o proxecto prevé verter máis de 58.000 m³ ao ano de efluentes industriais a escasos metros do nacemento do río Anllóns, augas arriba da ETAP de Carballo
• O documento alerta sobre a falta de estudos xeotécnicos en terreos dunha antiga canteira, deficiencias no sistema de depuración e a omisión do impacto sobre o espazo protexido da Rede Natura 2000
O Concello de Carballo vén de presentar formalmente un paquete de alegacións no trámite de información pública do proxecto da planta de biogás da Laracha, promovido por Bioenergía A Coruña SLU (expediente 2024-IPPC-I-94). O informe, elaborado polos servizos técnicos municipais, conclúe coa solicitude de denegación da autorización ambiental integrada e propón que se emita unha declaración de impacto ambiental desfavorable debido aos riscos “non asumibles” que a instalación supón para a saúde pública e o medio ambiente.
O goberno local amosa a súa fonda preocupación pola afectación directa ao medio hídrico e esixe, así mesmo, que se considere ao Concello de Carballo como administración interesada no procedemento, lamentando non ter recibido ningunha notificación previa a pesar de que o proxecto compromete directamente o servizo básico de subministro de auga de consumo humano do municipio.
Ameaza directa á potabilidade da auga e á ETAP de Carballo
O punto máis alarmante detectado polos técnicos municipais é o volume e a localización do vertido previsto da planta. O proxecto planea canalizar un volume máximo anual de 58.592 m³ de efluentes líquidos industriais directamente á canle do río Anllóns, xusto nas inmediacións do seu nacemento.
O informe advirte de que este vertido continuo se realizará augas arriba da Estación de Tratamento de Auga Potable (ETAP) de Carballo, a cal capta a auga do río para abastecer á poboación. Calquera vertido accidental ou alteración nos parámetros químicos nunha zona de cabeceira —onde o río ten moi pouco caudal no verán e nula capacidade de dilución— podería provocar un risco real de intoxicación humana e obrigar a cortar o subministro municipal. Ademais, a planta prevé situarse a só 100 metros do río e almacenar substancias perigosas como ácido sulfúrico e clorhídrico, multiplicando o risco por escorrentía.
O Concello de Carballo sinala que o Estudo de Impacto Ambiental da empresa obvia por completo que o río Anllóns está incluído na Rede Natura 2000 como Zona Especial de Conservación (ZEC). O inventario do proxecto nin sequera menciona a presenza de especies vulnerables e protexidas dependentes do río, como a anguía, a salamántiga rabilonga ou a londra.
Por outra banda, a promotora incumpriu a Lei de Avaliación Ambiental ao non analizar os efectos acumulativos e sinérxicos do proxecto, ocultando que a escasos 40 metros do punto proposto xa existe un vertido autorizado doutra industria cárnica con risco contaminante medio.
O informe municipal destapa tamén serias dúbidas sobre a viabilidade técnica e a seguridade das instalacións:
• Risco de deslizamento do solo: A planta proxéctase sobre os terreos dunha antiga actividade extractiva (canteira entre 2008 e 2011). O proxecto carece de estudos xeotécnicos que garantan a estabilidade do terreo, onde se pretenden construír dous grandes depósitos enterrados e ata 16 depósitos en superficie.
• Fallo no sistema de depuración: Os técnicos advirten de que a EDAR proposta ten un “risco técnico elevado”. O tanque de homoxeneización non garante a retención de augas industriais en caso de avaría, o que podería derivar en vertidos directos e incontrolados ao Anllóns.
• Opacidade nos residuos (SANDACH): A planta tratará 3.000 toneladas ao ano de puríns (residuos SANDACH de categoría 2, que esixen estritos controis de hixienización por risco sanitario), pero o proxecto clasifícaos erroneamente como simple “residuo líquido” para envialos ao dixestor sen tratamento previo.
Finalmente, o Concello de Carballo desmonta o argumento “verde” do proxecto. Aínda que a promotora xustifica a planta pola redución de gases de efecto invernadoiro, non avaliou o impacto que suporá o movemento diario de entre 17 e 20 camións de gran tonelaxe (20 toneladas). Ao descoñecerse as rutas, prevese un grave impacto por contaminación, consumo de combustibles e conxestión de tráfico nas vías municipais e nos núcleos rurais.
Por todo isto, o Concello de Carballo esixe a paralización ou rexeitamento do proxecto para protexer a integridade ecolóxica do río Anllóns e, por riba de todo, garantir a seguridade e a saúde dos veciños e veciñas de Carballo.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.