• Numerosos afiliados, simpatizantes e veciños participaron na inauguración dun espazo “aberto, vivo e útil, concibido como punto de encontro”
• Diego Calvo: “É un paso máis nun proxecto que non deixa de crecer e que hoxe representa unha alternativa seria, próxima e real de goberno para Culleredo”
• Izaskun García: “Esta é a casa de todos os veciños que cren que Culleredo merece un goberno municipal que de verdade funcione e ilusione”
O PP de Culleredo estreou hoxe a súa nova sede en Acea de Ama, un espazo concibido como un lugar “vivo, útil, aberto e ao servizo dos veciños”, co obxectivo de seguir reforzando o proxecto popular e consolidar unha alternativa real de goberno para as eleccións municipais de 2027.
A nova sede funcionará como espazo permanente de atención veciñal, reunións e participación aberta, coa vontade de converterse nun punto de encontro para todas aquelas persoas que queren un Culleredo mellor.
O acto contou co respaldo do presidente provincial do Partido Popular da Coruña, Diego Calvo; o secretario xeral provincial, Evaristo Ben; distintos cargos do PP na provincia, como a delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o deputado autonómico Gonzalo Trenor, así como coa presenza de numerosos afiliados, simpatizantes e veciños.
Na súa intervención, Diego Calvo subliñou que a nova sede popular é “un espazo de encontro, de escoita, de proximidade e de compromiso con Culleredo” e asegurou que representa “un paso importante para seguir fortalecendo un proxecto que non deixa de crecer”. Calvo puxo ademais en valor o liderado da presidenta do PP local, Izaskun García, á que definiu como unha candidata “próxima, traballadora e profundamente comprometida con Culleredo”, destacando a súa forma de entender a política “desde a escoita, a proximidade e o coñecemento real dos problemas de cada barrio e parroquia”.
O presidente provincial destacou tamén o traballo desenvolvido polo equipo local do PP e vinculou a apertura da sede coa nova etapa aberta tras o congreso local celebrado en febreiro, que definiu como “unha demostración de forza, de unidade e de ganas de seguir crecendo”. “Esta sede é o resultado de moitos anos de traballo e un paso máis nun proxecto que hoxe representa unha alternativa seria, próxima e real de goberno para Culleredo”, afirmou.
Pola súa banda, Izaskun García reivindicou a inauguración como un deses días que “parecen normais” pero que “marcan o comezo de algo importante”, e defendeu que a nova sede nace para ser moito máis que un espazo de partido. “Hoxe inauguramos un punto de encontro para toda a xente que quere un Culleredo mellor. Cada conversación, cada veciño e cada achega axudan a construír o Culleredo que queremos”, sinalou.
García lembrou tamén o papel de quen impulsou o proxecto desde os seus inicios, “cando era moito máis difícil facelo”, e destacou que a ese núcleo inicial está a sumarse “moita xente nova”: mozos, profesionais e veciños comprometidos con Culleredo “que non se resignan e que queren que o municipio volva funcionar”. “Cada vez somos máis os que sentimos que o cambio é posible. E cada vez somos máis os que cremos que podemos gobernar Culleredo”, asegurou.
A presidenta local agradeceu ademais o apoio constante de Diego Calvo e reivindicou unha forma de facer política entendida como servizo público, situando a nova sede como un instrumento “para seguir escoitando, sumando e preparando unha alternativa real de goberno”. “Esta non é só a casa do PP. É a casa de todos os veciños que cren que Culleredo merece un goberno municipal que de verdade funcione e ilusione”, engadiu.
Reunión comarcal
Con anterioridade á inauguración, a nova sede do PP de Culleredo acolleu tamén unha reunión comarcal do partido con portavoces e representantes de concellos como A Coruña, Arteixo, Oleiros, Cambre, Carral e Cerceda, na que se abordaron asuntos comúns aos municipios da contorna e púxose en valor a importancia de reforzar a coordinación política e territorial do PP na comarca.
O acto celebrado hoxe evidenciou ademais o momento de crecemento que atravesa o PP de Culleredo, que busca consolidarse como alternativa de goberno tras anos de hexemonía socialista no municipio.



Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.